Hamás acepta a proposta para abordar un alto o fogo en Gaza

Forzas progresistas demandan medidas a Eurovisión.
Ferido nos ataques israelís. (Foto: Naaman Omar / Zuma Press / ContactoPhot)
photo_camera Ferido nos ataques israelís. (Foto: Naaman Omar / Zuma Press / ContactoPhot)

O primeiro ministro de Qatar Mohammed bin Abdulrahman bin Jassim Al Thani, país que lidera o grupo de mediadores entre o Goberno de extrema dereita israelí e a organización que goberna Gaza, Hamás, comunicou hoxe que o grupo palestino transmitiu unha resposta “positiva” ao respecto do marco xeral dunha proposta de alto o fogo que implica un intercambio de palestinas e palestinos presos en Israel polas e polos israelís detidos na Faixa.

A proposta, presentada a Hamás logo dunha reunión con representantes estadounidenses, israelís, qatarís e exipcios en Francia, deseña un pacto por etapas que comezaría cun cesamento de hostilidades dun mes e o inicio dos intercambios.

Al Thani subliñou que a comunidade internacional ten que asumir a responsabilidade de impulsar un alto o fogo inmediato, criticando que os centros médicos de Gaza sigan a ser bombardeados polos militares sionistas, así como a morte de persoas desprazadas ao fuxir da violencia.

Sexa como for, Hamás reiterou que non abandonou a exixencia dun “alto o fogo integral e completo e a fin da agresión contra o noso pobo” para que as conversas acaben 
cun entendemento.

O xornal The New York Times, citando funcionarios da Intelixencia israelí, informou de que 32 das 136 persoas detidas en Gaza están mortas, e apuntou que os sionistas avalían se outras 20 persoas puideron ter falecido. Hamás denunciou en distintas ocasións que os bombardeos indiscriminados de Israel contra a poboación civil de Gaza tamén asasinaran varias persoas deste grupo. Máis de 27.000 palestinas e palestinos foron asasinados por Israel desde outubro.

Pola súa parte, Jens Laerke, voceiro da Oficina de Coordinación de Axuda Humanitaria da Organización das Nacións Unidas (ONU), recalcou que se Israel asalta Rafah, a urbe do sur de Gaza que concentra máis da metade dos 2,3 millóns de habitantes do territorio, isto constituiría un crime de guerra ao ser unha área ateigada de civís que fuxiron da agresión militar israelí, que persoas expertas da ONU aseguran que se trata dunha limpeza étnica e dun xenocidio.

Eurovisión

Ao tempo, lexisladoras e lexisladores no Estado español e na Unión Europea do Bloque Nacionalista Galego, Izquierda Unida, Podemos e Sumar subscribiron unha misiva que demanda ao Festival de Eurovisión que exclúa Israel, unha medida que rexeitara aducindo que é un evento apolítico, o que non lle impediu excluír Rusia tras a invasión de Ucraína.

Comentarios