Música

Eurovisión defende que Israel participe no Festival malia o masacre en Gaza após vetar Rusia en 2022: "Somos apolíticos"

"Estamos comprometidos a asegurar que o Festival de Eurovisión siga sendo un evento apolítico, no que compiten artistas e cadeas de difusión, non Gobernos", din, malia sancionar Islandia en 2019 por mostrar a bandeira palestina.
eurovisiòn hatari 2
photo_camera En 2019, Islandia foi multada por Eurovisión por mor de que naquela edición celebrada en Tel Aviv a representación do país nórdico no concurso —a banda Hatari— mostrase a bandeira palestina durante as votacións. (Foto: Eurovisión)

A organización de Eurovisión, que este ano fai a súa edición 68 en Malmö (Suecia), volveron defender que Israel poderá participar no festival da canción europea, facendo ouvidos xordos aos chamamentos de fans e mesmo tamén de músicos para que ese estado sexa vetado polo actual masacre que está a cometer en Gaza.

"Comprendemos as preocupacións e as profundas conviccións sobre o actual conflito en Oriente Medio, mais estamos comprometidos a asegurar que o Festival de Eurovisión siga sendo un evento apolítico, no que compiten artistas e cadeas de difusión, non Gobernos", sinala a organización nun comunicado.

"Os nosos corpos directivos, encabezados polo Comité Executivo, revisaron a lista de participantes para a edición de 2024 e acordaron que a televisión pública israelí cumpre todas as normas de competición para este ano e pode participar, como o fixo nos últimos 50 anos", agregan.

Eurovisión si vetou desde 2022 a participación de Rusia no concurso da canción europea en resposta á súa invasión de Ucraína. Israel leva participando no concurso desde 1973 malia as continuas violacións de dereitos humanos e legalidade internacional cometida ao longo destas cinco décadas.

O comunicado engadiu que a Unión Europea de Radiodifusión (UER), organizador de Eurovisión, aliñouse desta forma con outras entidades en ámbitos como o deportivo que tamén mantiveron unha actitude aberta cara á participación israelí en grandes competicións.

A resposta prodúcese despois de varios chamamentos ao boicot a Israel en Eurovision, con artistas de Islandia, Irlanda e Finlandia favorábeis a que os seus países non compitan se o fai Israel.

En 2019, Islandia foi multada por Eurovisión por mor de que naquela edición celebrada en Tel Aviv a representación do país nórdico no concurso —a banda Hatari— mostrase a bandeira palestina durante as votacións.

Comentarios