Eurodeputados de diferentes grupos, entre eles o BNG, piden a exclusión de Israel de Eurovisión

Afirman que a participación no festival é “branquear” o masacre israelí en Gaza.

Crianza ferida por un bombardeo israelí a pasada sexta feira en Khan Younis, no sur da Faixa de Gaza. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)
photo_camera Crianza ferida por un bombardeo israelí no sur da Faixa de Gaza. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)

Eurodeputados de diferentes países e grupos da Eurocámara veñen de subscribir unha carta na que exixen que Israel sexa excluída do festival de Eurovisión. A misiva remitiuse á Unión Europea de Radiofusión (UER), organizadora deste evento.

Entre as sinaturas da carta está a de Ana Miranda, deputada do BNG, así como representantes de Sumar, Podemos e outras formacións. En total, 22 eurodeputados e eurodeputadas que sosteñen que a participación de Israel en Eurovisión "branquea un réxime que está a executar unha limpeza étnica en Palestina" e lamenta que a UER só emitise " un comunicado no que expresan o seu desexo de que Eurovisión 'siga sendo un evento apolítico, no que compiten artistas e cadeas de difusión, non gobernos', cando en 2022 si vetou Rusia e en 2019 multou Islandia porque o seu representante exhibiu unha bandeira palestina no festival celebrado en Tel-Aviv.

Igualmente, a misiva denuncia que a UER avalase que a televisión pública israelí KAN cumpre as normas de competición, cando o ano pasado emitiu un vídeo no que menores de idade cantaban sobre Gaza frases como “nun ano eliminámolos a todos”, en referencia á poboación palestina de Gaza.

Os asinantes sinalan que a UER presume de ter como obxectivo asegurar que as xeracións futuras se beneficien dun contido que sexa educativo, informativo e entreteña", polo que entenden que "a participación de Israel confronta claramente co que a UER di defender, pois desinforma sobre Israel e oculta a súa conduta xenocida".

Por todo iso, expresan o seu "máis profundo rexeitamento ao branqueamento que a entidade está a realizar da participación do “réxime de apartheid e xenocida de Israel".

O pasado 30 de xaneiro, a organización de Eurovisión, que este ano fai a súa edición 68 en Malmö (Suecia), volveron defender que Israel poderá participar no festival da canción europea, facendo ouvidos xordos aos chamamentos de fans e mesmo tamén de músicos para que ese estado sexa vetado polo actual masacre que está a cometer en Gaza.

"Comprendemos as preocupacións e as profundas conviccións sobre o actual conflito en Oriente Medio, mais estamos comprometidos a asegurar que o Festival de Eurovisión siga sendo un evento apolítico, no que compiten artistas e cadeas de difusión, non Gobernos", sinala a organización nun comunicado.

Comentarios