As detencións policiais na última noite de protestas en Francia superaron as 870

O abatemento policial dun rapaz desencadea catro noites de disturbios.
O presidente de Francia, Emmanuel Macron, convocou de urxencia o seu Goberno (Foto: Alexis Sciard / Contacto vía Europa Press).
photo_camera O presidente de Francia, Emmanuel Macron, convocou de urxencia o seu Goberno (Foto: Alexis Sciard / Contacto vía Europa Press).

A morte dun adolescente de 17 anos a mans dun policía na cidade de Nanterre desencadeou unha onda de protestas por toda Francia que xa dura catro días.

Os fortes choques entre a Policía e os manifestantes están axitando máis aínda a situación e mesmo produciron unha nova morte, a dun home de 54 anos na Güiana francesa que recibiu un impacto dunha bala perdida cando estaba no seu balcón.

As autoridades anunciaron que mobilizarían a 40.000 axentes para facer fronte ás protestas, mais miles de persoas saíron ás rúas na noite da quinta feira. 

Neste contexto, o ministro do Interior francés, Gérald Darmanin, comunicou que ao longo da terceira noite de protestas, a Policía detivo a un total de 875 persoas que participaron nelas.

A rabia contra a represión policial, segundo medios locais e imaxes publicadas en diversas redes sociais, derivou en incendios nas cidades de París, Nanterre, Toulouse, Sevran, Lille, Lyon, Montreuil, Roubaix e Saint-Denis, entre outras localidades.

En Nanterre, a cidade onde o rapaz de 17 anos foi abatido pola Policía, producíronse violentos enfrontamentos en varios barrios da cidade, nos que a Policía empregou granadas de gas lacrimóxeno para conter as protestas, mentres que os manifestantes contestaron con fogos artificiais.

O presidente galo, Emmanuel Macron, presidiu esta sexta feira unha reunión dunha comisión de crise polos disturbios. As autoridades francesas decidiron suspender o transporte público e despregar varios vehículos blindados para facer fronte ás protestas que se desenvolveron na pasada noite. 

En concreto, a Xendarmería usou 14 carros Berliet VXB 170 e catro Centaurs. Trátase da primeira vez que se lle dá uso aos Centaurs, o novo vehículo adquirido polas forzas da orde galas.

Comentarios