Saúde

A Unión Europea estende dez anos máis o uso do pesticida glifosato, vinculado co cancro

Varios estudos científicos vinculan o uso do pesticida co cancro.
Von der Leyen, presidenta da Comisión Europea da UE. (Foto: Christophe Licoppe / European Comm / DPA)
photo_camera Von der Leyen, presidenta da Comisión Europea. (Foto: Christophe Licoppe / European Comm / DPA)

O Executivo da Unión Europea resolveu hoxe renovar durante dez anos o uso do pesticida glifosato no territorio do bloque comunitario, logo de que os 27 Estados membros non acadaran unha maioría cualificada nin a favor nin en contra da medida.

A Comisión Europea sostivo que baseou a decisión nun informe da Autoridade Europea para a Seguridade dos Alimentos, que determinou que non hai probas de que sexa canceríxeno, mais recomendou adoptar medidas restritivas.

A pesar disto, un estudo de cinco científicos estadounidenses, tres dos que formaron parte do grupo de expertos no ámbito da Axencia de Protección Ambiental dos Estados Unidos, concluíu que, tendo en conta amais “as análises de estudos anteriores”, fica claro de “forma consistente que a exposición a herbicidas con base de glifosato está relacionada cun risco maior de contraer cancro”, apuntando especificamente ao linfoma non Hodgkin, cun risco de sufrilo 41% maior para as persoas cunha alta exposición a estes pesticidas.

En 2020, e rexeitando o vínculo co cancro, a alemá Bayer pagou máis de 10.000 millóns de euros para acabar coas demandas de 125.000 persoas nos Estados Unidos, que denunciaban padecer cancro polo seu uso.

Comentarios