Primeiras xornadas de fechamento de caladoiros en Francia: Bruxelas insta a pedir compensacións

A prohibición de pescar na costa gala afecta a frota galega.
Barco pesqueiro (Foto: Cepesca).
photo_camera Barco pesqueiro (Foto: Cepesca).

A Comisión Europea convidou esta segunda feira os Estados afectados pola prohibición de pescar en augas francesas para protexer os golfiños a recorrer ao financiamento da Unión Europea (UE) para compensar as perdas do sector pesqueiro que non poida acceder a estes caladoiros, como acontece no caso da frota galega.

A prohibición anunciada por Francia, que estará en vigor durante un mes, entre esta segunda feira e o 20 de febreiro, afectará o caladoiro do Golfo de Biscaia e a pesca de especies como a pescada, o peixe sapo ou o rapante.

Desta maneira, volanteiros, cerqueiros, arrastreiros e trasmalleiros da Galiza, Asturias, Cantabria e Euskadi víronse esta segunda feira obrigados a abandonar os caladoiros indicados para evitar a pesca accidental de golfiños. 

Segundo datos do Ministerio español de Pesca, son un total de 41 as embarcacións afectadas entre as frotas destas catro autonomías, que se mostraron en contra da medida, ao igual que o sector neerlandés, o xermano e o portugués, así como o galo.

Bruxelas lembrou que medidas de urxencia como a adoptada polas autoridades francesas son prerrogativas dos Estados  e congratulouse de que Francia teña recorrido aos instrumentos que ofrece a Política Pesqueira Común (PPC) para acometer a protección destas especies.

En virtude do regulamento da PPC, ante a evidencia dunha ameaza grave para a conservación dos recursos biolóxicos mariños ou para o ecosistema do mar que requira acción inmediata e que estea relacionada coa pesca en augas baixo a soberanía ou xurisdición dun Estado, este poderá adoptar medidas de emerxencia coa posibilidade de que afecten buques doutros Estados por un período máximo de tres meses.

Comentarios