O Goberno estatal segue á procura de apoios para aprobar os Orzamentos

ERC anuncia que votará "non", mentres Bildu facilitará o primeiro trámite parlamentario e o BNG reclama máis recursos para afrontar a crise económica e industrial. PP, Vox e Ciudadanos presentarán unha emenda á totalidade.
O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, na tribuna do Congreso (Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, na tribuna do Congreso (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O Goberno de Pedro Sánchez segue a procurar apoios para a aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado (OXE). As contas afrontarán o seu primeiro exame no Congreso o vindeiro 4 de novembro, cando se votará unha posíbel emenda á totalidade, algo que xa confirmaron PP, Vox e Ciudadanos.

De feito, a líder da formación laranxa, Inés Arrimadas, cualificou este sábado os orzamentos de "sablazo a impostos", alén de incorporaren, segundo ela, "medidas populistas e gastos superfluos absolutamente innecesarios". E as previsións de crecemento, dixo, "son ficticias".

Tamén mantén o voto "non" ás contas, polo de agora, Esquerra Republicana de Catalunya (ERC). "O Goberno estatal debería ter entendido que nos vemos obrigados a tombar os orzamentos porque non son bos para a cidadanía", apuntou o seu presidente, Oriol Junqueras.

Así as cousas, a portavoz de EH Bildu no Congreso, Mertxe Aizpurua, asegurou que a súa formación avalará as contas na primeira votación, para entrar na discusión de modificación das contas a través de emendas parciais. Con todo, advertiu que Bildu estará "moi atento" para que o Executivo de Sánchez non ceda no recorte de beneficios ás eléctricas. "E se isto acontece, que teña consecuencias para o Goberno", concluíu.

O BNG, pola súa banda, afronta as negociacións con vontade de diálogo. O seu deputado no Congreso, Néstor Rego, lamentou que as contas "non responden" as necesidades urxentes do país, mais si representan "un mellor punto de partida".

Nun acto en Ferrol, acompañado polo portavoz local, Iván Rivas, Rego exixiu novos investimentos para solucionar a crise económica que atravesan tanto a cidade como a comarca de Ferrolterra, así como unha maior carga de traballo en Navantia e melloras en materia de infraestruturas.

O PNV aínda non aclarou o seu voto.

O PSOE di que "se es de esquerdas, é difícil rexeitar os OXE"

O líder do PSC no Parlament de Catalunya, Salvador Illa, respondeu o anunciado "non" de ERC alegando que "se alguén é realmente de esquerdas é moi difícil dicir que non ao proxecto de OXE" para 2022 presentado polo Goberno estatal.

Illa defendeu o "incremento do gasto social" das contas estatais, que a comezos do vindeiro mes serán debatidas na Cámara baixa.

Comentarios