"Trato xusto" para Galiza e políticas sociais de progreso, eixos do BNG na negociación dos orzamentos do Estado

Néstor Rego: "O BNG ten plena disposición a traballar para conseguir uns bos orzamentos para Galiza". 

Néstor Rego, deputado do BNG, nunha rolda de prensa no Congreso.
photo_camera Néstor Rego, deputado do BNG, nunha rolda de prensa no Congreso.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, avanzou esta cuarta feira os eixos que o nacinalismo considera “fundamentais” para a negociacións dos vindeiros Orzamentos Xerais do Estado.

A modernización e a construción de infraestruturas na Galiza, “facendo fincapé na rede ferroviaria”, así como o desenvolvemento de políticas sociais progresistas, “co incremento das pensións mínimas ou a derrogación da reforma laboral, ademais de dar cumprimento ao resto de puntos do acordo de investidura”; son 2 dos focos de negociación para o BNG.

Rego fixaba a posición do BNG para os vindeiros orzamentos após as reunións previas mantidas co Goberno do Estado. "Temos plena disposición a falar, negociar e mesmo a apoiar os OXE porque iso quererá dicir que son uns bos orzamentos para o noso país" explicou, mentres sinalaba a necesidade de rematar coa “discriminación que sufriu Galiza nos orzamentos de 2021". "Para iso, é preciso un incremento no investimento territorializado na Galiza, que diminuíu en 2021 un 11% a respecto dos aprobados polo PP" enfatizou o deputado do BNG.

"Temos que rematar co déficit histórico que arrastra Galiza en materia de infraestruturas", incide Rego

"Temos que rematar co déficit histórico que arrastra Galiza en materia de infraestruturas e nestes Orzamentos focalizaremos as nosas demandas na modernización da rede ferroviaria" apunta o deputado nacionalista.

Por outra banda,  defende que os vindeiros OXE teñen que desenvolver políticas sociais progresistas "co aumento dos fondos de protección social para garantir, por exemplo, que o Estado se faga cargo de 50% da axuda á dependencia e tamén incrementar as pensións mínimas para superar a fenda territorial e a de xénero".

A derrogación das reformas laborais, unha solución á dobre tributación dos emigrantes retornados, “colectivo que aglutina a máis de 200.000 persoas no caso galego”,  a modificación do Estatuto dos Traballadores para que as familias cun único proxenitor, pai ou nai, podan acumular os meses que corresponderían no caso dunha parella para o coidado das crianzas; son algunhas das cuestións defendidas desde o nacionalismo.

O BNG anuncia que reclamará o cumprimento do acordo de investidura co "aumento e ampliación do autogoberno da Galiza e cunha solución á grave crise industrial que atravesa o país

"Parécenos insuficiente a suba de 2% do salario aos empregados públicos porque suporá a perda de poder adquisitivo coa suba da inflación e mesmo demandamos eliminar a taxa de reposición de efectivos para que se poidan cubrir as prazas naqueles eidos que sexa necesario, a comezar pola sanidade e a Atención Primaria", engadiu.

Rego tamén apunta que coa sinatura do acordo de investidura, o Goberno do Estado comprometíase a desbloquear temas que levaban décadas parados na Galiza mais parece que se "resiste a aplicar o paquete de medidas en tempo e forma".

Por iso, a formación nacionalista anuncia que reclamará o cumprimento do mesmo co "aumento e ampliación do autogoberno da Galiza e cunha solución á grave crise industrial que atravesa o país coa alerta posta en Poligal, Siemens Gamesa, os estaleiros de Vulcano e Barreras, Alcoa e Alu Ibérica e mesmo o último na comarca da Mariña, Vestas".

Comentarios