Os Orzamentos Xerais chegan ao Congreso tras a aprobación do Executivo español

O gabinete destaca que un 60% do proxecto de Orzamentos Xerais do Estado corresponde a gasto social, anunciando unha suba do 3% nas pensións mínimas e non contributivas e confirmando o bono cultural e para vivenda da mocidade.
A ministra de Facenda e Función Pública, María Jesús Montero, intervén despois do Consello de Ministras e Ministros. (Foto: Óscar Cañas / Europa Press)
photo_camera A ministra de Facenda e Función Pública, María Jesús Montero, intervén despois do Consello de Ministras e Ministros. (Foto: Óscar Cañas / Europa Press)

O proxecto de Orzamentos Xerais do Estado (OXE) 2022 arriba a vindeira semana ao Congreso logo de que o Consello de Ministras e Ministros aprobara na súa xuntanza de onte o texto, que implica un gasto de 360.000 millóns de euros, con arredor de 27.633 millóns procedentes dos fondos da Unión Europea.

Na rolda de prensa posterior á reunión, a ministra de Facenda e Función Pública, María Jesús Montero, salientou que 6 de cada 10 euros están destinados a gasto social, nunha partida de 248.000 millóns de euros.

Alza do 3% nas pensións mínimas e non contributivas

Neste sentido, o documento inclúe unha suba do 3% nas pensións mínimas e non contributivas, o que beneficiará a máis de 10 millóns de persoas, incidiu Montero, aumentando nun 4,8% o orzamento dedicado a este apartado, de 171.000 millóns de euros. A alza no resto das pensións irá paralela á inflación media, en base á reforma que se está a tramitar no lexislativo.

No que atinxe á sanidade pública, o investimento total é de 5.434 millóns de euros, 10,2% máis que nos anteriores orzamentos. A titular de Facenda incidiu en que Atención á Dependencia contará cun 23,3% máis de fondos.

Bono vivenda e bono cultural

Tamén “gaña a mocidade”, asegurou, explicando que o gasto previsto é de 12.550 millóns de euros. 200 destes millóns irán adicados a sufragar o bono de 250 euros mensuais a persoas de entre 18 e 35 anos con traballo e un salario inferior a 23.725 euros.

Esta medida está acompañada do bono cultural, que outorgará ás persoas que fagan 18 anos en 2022 unha axuda de 400 euros para consumir no eido cultural.

Asemade, confirma a subida do 2% nos salarios das funcionarias e funcionarios públicos, criticada polas forzas sindicais por “insuficiente”, por non impedir a perda de capacidade adquisitiva.

Con respecto ao ensino, competencia transferida aos territorios, Montero anunciou un acrecentamento do 6% até superar os 5.000 millóns de euros, maioritariamente para bolsas de estudo e Formación Profesional.

Imposto de sociedades

Outro dos aspectos que contemplan os OXE é o estabelecemento do tipo mínimo do Imposto de Sociedades no 15%, que apenas afectará o 1% das empresas no Estado e terá un efecto limitado na recadación, cun incremento estimado de 400 millóns de euros, apuntou a ministra, por mor de que se aplicará sobre a base impoñíbel, mais non sobre os beneficios.

Aumento da recadación

Malia a reducida achega neste concepto, o crecemento económico previsto no OXE (o 8,6%, 7 puntos de PIB real e 1,6 de inflación) permite ao Executivo español taxar o aumento da recadación tributaria nun 8,1%, coa perspectiva de superar por primeira vez os 232.000 millóns de euros e coa esperanza de axustar o déficit público, que acabará 2022 no 5% do PIB: 3,4% da Administración central, 0,5% da Seguridade Social e 0,6% dos territorios.

Amais, Montero referiuse ao teito de gasto (o gasto non financeiro máximo que se pode incluír nos orzamentos para cumprir o obxectivo de déficit, unha imposición da UE engadida na Constitución durante o goberno estatal de José Luis Rodríguez Zapatero), apuntando que se mantén case igual que o exercicio anterior, nos 196.142 millóns de euros.

O ministro de Presidencia, Félix Bolaños, comezou a semana pasada as reunións cos distintos grupos políticos do Congreso para preparar o terreo das negociacións sobre o OXE 2022, que agardan ter vixente o primeiro día do ano que vén.

Pola súa banda, o presidente español, Pedro Sánchez, afirmou nun evento onte que a prioridade dos orzamentos é “consolidar a recuperación económica e que sexa xusta”, aproveitando os cartos da UE á hora de “modernizar a nosa economía e tamén a nosa sociedade para que sexa máis competitiva e teña máis cohesión”.

En definitiva, aseverou que “se trata de saír da pandemia da Covid-19 cun Estado moito máis sostíbel, máis inclusivo e máis dixital”.

Comentarios