O Goberno estatal sostén que a economía está recuperándose

O Consello de Ministros que decorreu onte sen a presenza de Pedro Sánchez, que se atopa na illa canaria da Palma, tratou as previsións macroeconómicas que acompañarán os OXE de 2022.
Nadia Calviño, vicepresidenta, e Isabel Rodríguez, voceira, tras a reunión do Consello de Ministros.(Foto: M. Fernández. POOL / Europa Press)l
photo_camera Nadia Calviño, vicepresidenta, e Isabel Rodríguez, voceira, tras a reunión do Consello de Ministros. (Foto: M. Fernández. POOL / Europa Press)

“Todos os indicadores confirman que a recuperación xa está en marcha”, gabouse onte a vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, despois da xuntanza do Consello de Ministros.

Na presentación do cadro macroeconómico que complementará os Orzamentos Xerais do Estado (OXE) de 2022, a vicepresidenta asegurou que antes do final do ano en curso a actividade económica diaria e o emprego terán recuperado o nivel no que estaban antes do comezo da pandemia derivada da Covid-19.

Calviño detallou que a mellora da situación viu determinada pola evolución sanitaria -facendo énfase no proceso de vacinación-; na recuperación do turismo, do investimento e do “dinamismo no consumo”; e no impulso do Plan de Recuperación a partir do segundo semestre do ano.

Amais, salientou o crecemento estimado do PIB, que onte a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico aumentou de 6,5% a 6,8%, e que, segundo afirmou, coloca o Estado á cabeza do crecemento na organización e na Unión Europa. Porén, o incremento agardado aínda está lonxe de compensar a caída do PIB real en 2020, do 10,8%.

No que atinxe ao desemprego, o Goberno estatal apuntou que a previsión até que remate o ano é do 15,2%, cunha diminución en 2022 até o 14,1%, mentres a taxa de paro coa que acabou 2019 foi do 13,96%.

Aumento de prezos

Asemade, recoñeceu que os prezos subiron até un 3% durante os meses de verán, o que explicou pola alza do gas natural e do petróleo, pero mantivo que durante os primeiros meses do ano non sufriron variacións.

Malia estas cifras, a titular de Asuntos Económicos afirmou que “non hai precedentes dunha recuperación tan rápida do crecemento e do emprego en crises anteriores”, o que, defendeu, esta motivado polas políticas económicas e fiscais desenvoltas para minimizar os efectos 
da pandemia.

6.000 persoas evacuadas desde a erupción do domingo na Palma

“A emerxencia continúa”, aseverou Pedro Sánchez, presidente do Estado, que transmitiu onte desde A Palma (Canarias) que o Consello de Ministros “xa iniciou os trámites para declarala zona de emerxencia”. A voceira do Executivo e ministra de Política Territorial, Isabel Rodríguez, informou despois da xuntanza que até 6.000 persoas foran evacuadas, tras a aparición na noite da segunda feira dunha novena boca do volcán.

183 vivendas foron afectadas polas linguas de lava, ás que hai que engadir até 200 infraestruturas, desvelou, ao tempo que 540 persoas da Administración Xeral do Estado desprazáronse até a illa. Amais, Rodríguez sinalou que houbo conversas con entidades bancarias para que poñan os inmobles baleiros á disposición das persoas evacuadas.

Comentarios