Portugal

A Fiscalía recorrerá a liberación dos detidos na trama que levou á dimisión de António Costa

O xuíz rexeita as acusacións do Ministério Público.
O primeiro ministro luso, António Costa, ao presentar a súa dimisión a pasada semana. (Foto: Europa Press / Contacto / Leonardo Negrão / Global Imag)
photo_camera O primeiro ministro luso, António Costa, ao presentar a súa dimisión a pasada semana. (Foto: Europa Press / Contacto / Leonardo Negrão / Global Imag)

O Ministério Público de Portugal anunciou que apelará a decisión do xuíz de instrución Nuno Dias Costa de deixar en liberdade as cinco persoas detidas a pasada terza feira no marco dunha operación anticorrupción, recolleu hoxe a prensa lusa.

Os presos na redada foron Vítor Escária, o daquela xefe de Gabinete do primeiro ministro António Costa, do Partido Socialista (PS); Diogo Lacerda, consultor da empresa Start Campus e mellor amigo de Costa; Nuno Mascarenhas, alcalde de Sines polo PS, e dous executivos de Start Campus, Afonso Salema e Rui Oliveira.

Rexeitamento aos cargos de corrupción

Amais de ordenar a súa liberación, o maxistrado negouse a aceptar a imputación por cargos de corrupción e prevaricación, mais mantivo os de tráfico de influencias, no contexto das investigacións polas concesións para explotar dúas minas de litio perto da Galiza, unha central de enerxía a partir de hidróxeno e un centro de datos en Sines, este último a cargo de Start Campus.

Dias Costa considerou desproporcionada a petición de prisión provisoria da Fiscalía, así como “vagas e xenéricas” as probas presentadas por presunta corrupción, incluíndo as sospeitas do Ministério Público sobre as presións dos detidos canda Costa para favorecer o proxecto dun centro de datos en Sines.

Risco de fuga

Así e todo, retirou o pasaporte a Escária e Lacerda polo risco de fuga, e impuxo a este último unha fianza de 150.000 euros, con medidas de restrición de movementos para o resto.

O primeiro ministro presentou a súa dimisión tras comunicar a Procuradoria-Geral que sería investigado na causa, malia que a renuncia foi aceptada polo presidente, Marcelo Rebelo de Sousa, non se fará efectiva até decembro e estará en funcións até os comicios adiantados do 10 de marzo.

Comentarios