A dereita e a ultradereita, con vantaxe nas eleccións en Portugal do vindeiro 10 de marzo

O PS perdería a metade dos escanos na Assembleia da República.
José Luís Carneiro, ministro de Interior no Goberno portugués. (Foto: Rita Franca / Europa Press / Contacto)
photo_camera José Luís Carneiro, ministro de Interior no Goberno portugués. (Foto: Rita Franca / Europa Press / Contacto)

Os medios lusos Jornal de Negócios, Correio da Manhã e CMTV publicaron esta sexta feira a primeira enquisa electoral efectuada logo da dimisión do primeiro ministro do Partido Socialista (PS), António Costa, como resultado do anuncio da Procuradoria-Geral de que abriría unha investigación contra el no contexto da operación anticorrupción da terza feira.

A sondaxe revela a vantaxe coa que parten os conservadores e a extrema dereita de cara aos comicios adiantados do 10 de marzo de 2024, sumando entre os 75 asentos do Partido Social Democrata (PSD) e os 45 que obtería o Chega a maioría absoluta, ao que habería que engadir os 17 asentos cos que se faría a Iniciativa Liberal e os 2 da CDS-Partido Popular.

No bloque progresista, o PS perdería a metade da súa representación até 59 deputadas e deputados, o Bloco de Esquerda ficaría con 19, o Partido Comunista con 6, o Livre con 5 e Pessoas-Animais-Natureza con 2.

Entrementres, todo apunta que Pedro Nuno Santos, ex titular de Infraestruturas, e José Luís Carneiro, ministro de Interior, disputaranse o liderado do PS en substitución de Costa.

Comentarios