Europa é o único continente no que medran as importacións de armas

Os países europeos da OTAN elevan 65% as compras de armas entre 2018 e 2022, a meirande parte delas foron adquiridas aos Estados Unidos, responsábel de 40% das exportacións de armas no mundo.
Enterro dun soldado en Kíiv. (Foto: Sergei Chuzavkov / Zuma Press / Contactophoto)
photo_camera Enterro dun soldado en Kíiv. (Foto: Sergei Chuzavkov / Zuma Press / Contactophoto)

No período 2018-2022 as importacións de armas dos países europeos aumentaron 47% en comparación coas cifras de 2013-2017, informou onte o Instituto Internacional de Estudos para a Paz de Estocolmo.

No informe, a entidade destaca que a nivel internacional as importacións de armamento caeron 5,1%, especialmente en África e América, cunha diminución de 40% e 21% respectivamente nas compras de armas. De feito, Europa é o único continente do planeta no que as importacións de armas rexistraron un incremento neste tempo.

Este aumento explícase “polas tensións entre Rusia e a maioría dos países europeos”, explicou Pieter D. Wezeman, o investigador principal do Programa de transferencia de armas da institución.

As entregas de armas da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) a Ucraína converteron o país eslavo no terceiro importador de armas do mundo, ao tempo que os membros europeos da alianza militar liderada polos Estados Unidos aumentaron 65% as súas compras, a maioría a Washington. Entre 2018 e 2022 o país americano concentrou 40% das exportacións de armas, seguido por Rusia con 16%.

No que atinxe á guerra en Ucraína, onte comezaron en Suíza negociacións para prorrogar a iniciativa para exportar gran do país polo mar Negro, asinada por Moscova, Kíiv, Ancara e a Organización das Nacións Unidas, e que expiraría o próximo 18 de marzo.

O viceministro de Asuntos Exteriores ruso, Sergei Vershinin, afirmou que están a favor da prórroga pero só durante 60 días, despois de que Turquía recoñecera que non se superaran os obstáculos impostos polas sancións da OTAN para a exportación de cereais e fertilizantes rusos.

Entrementres, autoridades ucraínas sinalaron que dúas persoas morreron a raíz dos bombardeos rusos en Mikolaiv, capital da rexión homónima. Aínda así, o epicentro dos combates continúa a ser Bakhmut, no oblast de Donetsk, e onde as tropas rusas anunciaron avances nas últimas semanas.

Segundo referiu Politico, a decisión ucraína de defender a urbe a toda costa está provocando diverxencias entre Kíiv e Washington, que advirte que os recursos e tropas que está a consumir na defensa pode dificultar a capacidade do Exército ucraíno de lanzar unha contraofensiva

Ademais, Irakli Garibashvili, primeiro ministro xeorxiano, criticou o presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, por sumarse ao apoio brindado polos Estados Unidos e a Unión Europea ás protestas contra o Goberno do país.

Comentarios