A OTAN acorda elevar a produción de armas para fornecer Ucraína

O pacto asinarase na cimeira da alianza en Lituania, con Estados Unidos liderando a presión para aumentar a produción de armas da alianza militar.
O ministro de Defensa ucraíno, Oleksii Reznikov. (Foto: NATO / dpa)
photo_camera O ministro de Defensa ucraíno, Oleksii Reznikov. (Foto: NATO / dpa)

Os membros da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) pactaron onte aumentar a súa produción militar, trasladou o secretario xeral da alianza militar liderada polos Estados Unidos, Jens Stoltenberg, que sinalou que malia que esa necesidade existe desde finais de 2022 agora as cousas “móvense na boa dirección” tras as conversas coa industria das armas que levou a contratos con París, Washington, Berlín e Oslo para elevar o nivel de produción.

Ademais da “gran necesidade de prover munición a Ucraína”, isto permitiría aos membros da OTAN repor os seus arsenais, que advertira Stoltenberg, atópanse “esgotados” tras as entregas a Kíiv, cuxo Exército ten unha taxa de uso de munición moi superior á capacidade de produción da OTAN.

O aumento da produción será asinado de maneira formal na cimeira da alianza militar en Lituania, que decorrerá en xullo, apuntou o secretario xeral, que insistiu en que 2% do produto interior bruto en gasto militar ten que ser “a base e non o teito”.

O ministro de Defensa ucraíno, Oleksii Reznikov, presente na reunión, sinalou que precisarán varios meses para que as súas Forzas Armadas estean preparadas para usar os tanques e armas occidentais, após a publicación en medios internacionais de que o país está a forzar ataques cun alto saldo de baixas para xustificar o envío permanente de axuda militar por parte da OTAN. Amais, insistiu en que permanecerá no cargo despois de transcender que sería cesado pola corrupción no Ministerio.

Pola súa parte, o ministro de Asuntos Exteriores ruso, Sergei Lavrov, acusou a alianza militar de “mentir sobre os gasodutos Nord Stream como mentiron sobre os acordos de Minsk”, recollendo unha declaración de Stoltenberg na que sinalaba que estaban a preparar Kíiv desde o golpe de Estado e o comezo da guerra civil en 2014.

Asemade, subliñou que a falta de resposta perante o atentado que afectou os gasodutos que unen Rusia con Alemaña puxeron Berlín “no seu lugar, como satélite” de Washington.

No que atinxe a unha das propostas da Unión Europea, confiscar os bens conxelados a Rusia para entregarllos a Ucraína, o Ministerio de Xustiza de Suíza resolveu que é ilegal, unha posición que tamén sostiveran funcionarios do bloque comunitario.

Ao tempo, a Organización das Nacións Unidas lanzou unha petición para recadar máis de 5.000 millóns de euros para ofrecer axuda humanitaria a máis de 15 millóns de persoas afectadas pola guerra en Ucraína. Arredor de oito millóns de ucraínas e ucraínos están refuxiados noutros países, a maioría deles en Rusia, seguida de Polonia.

Comentarios