Erdogan xurará o seu terceiro mandato á fronte de Turquía durante os próximos cinco anos

A vitoria de Erdogan fica manchada polas acusacións de falta de garantías democráticas.
Recep Tayyip Erdogan (dereita). (Foto: Apa Images / DPA)
photo_camera Recep Tayyip Erdogan (dereita). (Foto: Apa Images / DPA)

O presidente de Turquía, Recep Tayyip Erdogan, fará xuramento este sábado en Ankara no comezo do seu terceiro mandato á fronte do Goberno durante o próximos cinco anos tras a súa vitoria na segunda volta das presidenciais a semana pasada.

A cerimonia de inauguración comezará na Asemblea Nacional, o Parlamento turco, ao redor das 13 horas, seguida doutro acto no complexo presidencial ao que asistirán 21 xefes de Estado e 12 primeiros ministros.

A esta inauguración do novo mandato de Erdogan tamén acudirán representantes parlamentarios e ministeriais, así como das organizacións internacionais, incluída a Organización de Estados Túrquicos (OET), a OTAN cunha comitiva liderada polo seu secretario xeral Jens Stoltenberg e a Organización de Cooperación Islámica (OIC).

Erdogan recibirá o seu mandato de mans do presidente en funcións do Parlamento, Devlet Bahçeli, antes de visitar o mausoleo de Anitkabir, onde descansa os restos do fundador da República de Turquía, Mustafá Kemal Ataturk, antes de dirixirse ao complexo presidencial ao redor das 16 horas.

Previamente, na sexta feira, foi a quenda de xuramentos dos representantes parlamentarios de Turquía despois da vitoria do Partido da Xustiza e o Desenvolvemento (AKP), partido de dereita liderado polo propio Erdogan.

O AKP fíxose cun total de 268 escanos, a maioría, se ben conta ademais co apoio de 50 representantes da extrema dereita e cinco de orientación islámica. En total suman 323 escanos que lle dan á alianza de partidos afíns a Erdogan a maioría absoluta no Parlamento.

Falta de garantías democráticas

Sobre os resultados electorais que lle conceden un novo mandato a Erdogan, a coordinadora da misión de observación electoral da Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa, Farah Karimi, trasladou que Erdogan contou nos comicios cunha “vantaxe inxustificada” fronte a Kilicdaroglu, insistindo en que non foron atendidas as denuncias da entidade sobre a “falta de igualdade” entre candidaturas na primeira volta electoral.

Asemade, Karimi afirmou que na xornada electoral se produciron “casos illados de violencia”,  na meirande parte das ocasións contra partidarios da oposición, e votacións grupais, apuntando que “o secreto de voto se viu potencialmente comprometido”.

Comentarios