Erdogan gaña un terceiro mandato como presidente de Turquía

OSCE critica a  "vantaxe inxustificada" do presidente Erdogan e cuestiona que non se tiveran en conta as súas queixas na primeira volta pola presunta falta de limpeza dos comicios.
Recep Tayyip Erdogan (dereita). (Foto: Apa Images / DPA)
photo_camera Recep Tayyip Erdogan (dereita). (Foto: Apa Images / DPA)

Turquía é a vencedora da segunda volta das eleccións presidenciais que decorreu o domingo, proclamou o reelixido mandatario Recep Tayyip Erdogan na madrugada de onte perante as e os seus seguidores, unha vez confirmado que obtivo 52,2% dos votos e superando en máis de dous millóns de sufraxios ao candidato opositor, Kemal Kilicdaroglu, que aumentou tres puntos ao resultado da primeira fase dos comicios até 47,8%. Estes datos confirman o fracaso do achegamento á extrema dereita do opositor -replicando un movemento semellante de Erdogan-.

O líder do país nas últimas dúas décadas, nun comezo como primeiro ministro e despois como presidente, definiu o proceso como “unha das eleccións máis importantes da nosa vida política multipartidista”, na que “a nosa nación tomou a súa decisión a favor do século de Turquía”, nuns comicios que consolidan a aposta de Erdogan por unha posición propia a nivel internacional, cunha forte relación con Rusia a pesar da pertenza de Ancara á Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), entidade á que Kilicdaroglu defendeu achegarse, así como á Unión Europea (UE).

A confirmación do triunfo electoral de Erdogan provocou unha caída a mínimos históricos do valor da lira turca, no medio dunha alta inflación caracterizada pola política do presidente de non elevar os tipos de xuro.

Garantías democráticas

Pola súa parte, a coordinadora da misión de observación electoral da Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa, Farah Karimi, trasladou que Erdogan contou nos comicios cunha “vantaxe inxustificada” fronte a Kilicdaroglu, insistindo en que non foron atendidas as denuncias da entidade sobre a “falta de igualdade” entre candidaturas na primeira volta electoral.

Asemade, Karimi afirmou que na xornada electoral se produciron “casos illados de violencia”,  na meirande parte das ocasións contra partidarios da oposición, e votacións grupais, apuntando que “o secreto de voto se viu potencialmente comprometido”.

"A miña verdadeira tristeza son as dificultades que agardan ao país", sostivo pola súa banda Kilicdaroglu ao conceder a derrota.

Recoñecemento internacional

Múltiples países árabes, amais da OTAN, a UE, o Brasil ou Rusia aprestáronse a recoñecer o resultado e dar os parabéns ao presidente, que celebrou onte no poder o 570 aniversario da perda de Constantinopla por parte de Bizancio e a súa toma polas tropas otomás, que converteron a urbe na súa capital e a renomearon como Istambul.

Comentarios