Controversia no cómputo dos votos dunhas igualadas eleccións turcas

A segunda volta, máis posíbel que nunca entre intercambios de acusacións de fraude electoral entre Goberno e oposición.
Os catro candidatos principais ás eleccións turcas (Foto: EP).
photo_camera Os catro candidatos principais ás eleccións turcas (Foto: EP).

Turquía afronta unhas decisivas eleccións presidenciais que tiveron lugar hoxe domingo. Os colexios electorais fecharon as súas portas ás 17 hora galega, e desde entón prodúcese con moita lentitude un reconto de votos caracterizado pola controversia.

No momento de escribir estas liñas, e segundo a axencia oficialista Anadolu, con 85,8% escrutado o actual presidente Recep Tayyip Erdoğan obtería 50,1% dos votos, mentres que o lider opositor Kemal Kılıçdaroğlu recibiría 44,1%.

Iso significa que Kılıçdaroğlu precisaría de dúas decimas maís para forzar unha segunda volta na que tanto Erdoğan como el serían os únicos candidatos.

Porén, a axencia independente Anka, próxima aos intereses da oposición, reduce as diferencias entre un e outro a pouco máis de tres puntos (48,8% Erdoğan e 45,4% Kılıçdaroğlu).

Esta diferenza de criterios sustenta as acusacións mutuas de “manipulación”. Así, desde o partido de Kılıçdaroğlu, o Partido Republicano do Pobo (CHP, nas súas siglas en turco) acusan á axencia oficialista de “manipulación” para favorecer o Partido Xustiza e Desenvolvemento (AKP) de Erdoğan.

Ademais, temen que o presidente estea ocultando os datos até o momento do seu discurso á poboación, no que se autoproclamaría como gañador.

Pola súa parte, desde o AKP están impugnando moitos votos da oposición, o que significa que terán que ser comprobados e recontados a posteriori, dilatando o procedemento e favorecendo esa hipotética pretensión dun Erdoğan que, tal e como apuntou na súa conta de Twitter, pediu aos seus seguidores que “non abandonen” as urnas de votos en ningún momento “pase o que pase” até o final oficial das eleccións.

Comentarios