Erdoğan, máis perto de revalidar a Presidencia após garantir o apoio da extrema dereita

O candidato apoiado pola extrema dereita turca aposta publicamente polo actual presidente após exixirlle "man dura" coa oposición kurda e a expulsión de todos os refuxiados sirios, cuestión tamén defendida polo opositor Kiliçdaroğlu.
Sinan Oğan e Recep Tayyip Erdoğan, esta segunda feira, selando o seu pacto electoral. (Foto: Presidencia de Turquía / AP)
photo_camera Sinan Oğan e Recep Tayyip Erdoğan, esta segunda feira, selando o seu pacto electoral. (Foto: Presidencia de Turquía / AP)

A piques estivo o actual presidente de TurquíaRecep Tayyip Erdoğan, de revalidar por outros cinco anos o seu mandato o pasado 14 de maio, cando na primeira volta das eleccións obtivo 49,52% dos votos —a menos dun punto da maioría absoluta—, cunha apertada vantaxe, porén, de menos de cinco puntos sobre o seu principal perseguidor, o líder opositor Kemal Kiliçdaroğlu (44,89%). Este próximo domingo, coincidindo coa cita electoral nos concellos da Galiza, podería recuncar no poder.

E nesta segunda volta dos comicios presidenciais xogará un papel chave o candidato que na primeira elección ficou na terceira praza, o ultradereitista Sinan Oğan, que se presentou contando co apoio dunha pequena coalición de partidos de extrema dereita, Alianza Ancestral. Os seus pouco máis de 5% dos sufraxios determinarán o rumbo do país e todo fai pensar que será cun Erdoğan imbatíbel.

Na tarde desta mesma segunda feira o propio Oğan ratificou ao actual presidente o seu apoio na cita deste domingo. "Como resultado das negociacións e consultas, declaro o noso apoio ao candidato a presidente da Alianza Popular, o señor Recep Tayyip Erdoğan, na segunda volta das eleccións", dixo na súa comparecencia.

Este apoio explícito á candidatura do actual mandatario chega logo de que ambos os dous políticos mantivesen un sorpresivo encontro a pasada sexta feira en Estambul. Entre as súas demandas, Oğan exixiu unha postura "firme e dura" do Goberno contra o Partido dos Traballadores do Kurdistán e un "calendario" para efectuar a expulsión dos refuxiados sirios presentes no país.

De feito, se ben o líder ultradereitista logrou convencer en campaña milleiros de persoas descontentas con Erdoğan, rexeitaba trasladar publicamente o seu apoio a Kiliçdaroğlu, principal dirixente da oposición e líder do Partido Republicano do Pobo, considerado progresista e de centroesquerda.

Porén, o crecente discurso xenófobo levou tamén a Kiliçdaroğlu a prometer a expulsión de "todos os refuxiados —dez millóns, segundo estimou—" de Turquía se gaña as eleccións. Na mesma liña, acusou Erdoğan de "non protexer as fronteiras" e de "vender a cidadanía turca nunha poxa" para "traer de forma deliberada millóns de refuxiados", en alusión ao acordo migratorio do país coa UE.

O Parlamento segue en mans de Erdoğan

A poboación turca tamén designou o pasado 14 de maio os seus representantes no Parlamento para o vindeiro mandato. O AKP do actual mandatario revalidou o seu anterior triunfo, mais cunha menor vantaxe, pasando de 295 a 268 escanos —dun total de 600—. Porén, manterá o poder grazas aos 50 asentos dos seus socios do ultradereitista MHP —antiga formación de Sinan Oğan— e os 5 do YRP, tamén integrado na Alianza do Pobo que Erdoğan lidera.

O principal bloque opositor, co CHP de Kiliçdaroğlu en cabeza (169 escanos), sumou un total de 212 representantes. Os restantes asentos foron parar a unha coalición de partidos esquerdistas.

Comentarios