O enviado especial de Lula debate con Kíiv as negociacións de paz

Acordo para reactivar as relacións Ancara-Damasco na xornada na que o asesor brasileiro para internacional se reuniu cun diplomático ucraíno para escoitar as súas exixencias para acabar coa guerra.
Lula da Silva onte. (Foto: Europa Press / Contacto / O Globo)
photo_camera Lula da Silva onte. (Foto: Europa Press / Contacto / O Globo)

O asesor para asuntos internacionais da Presidência do Brasil, Celso Amorim, reuniuse a cuarta feira en Kíiv co diplomático ucraíno Andrij Melnik, que destacou o papel brasileiro para “deter a agresión rusa e alcanzar unha paz xusta e duradeira”.

Após reunirse co presidente ruso Vladimir Putin en abril, Amorim prevé xuntarse co mandatario ucraíno, Volodimir Zelenski, para explorar a proposta de negociacións de paz formulada polo Brasil, que xunta a China e o Vaticano están a impulsar unha saída negociada á guerra en Ucraína.

O presidente brasileiro, Lula da Silva, explicou que o seu asesor “traerá apuntes e solucións para que poidamos comezar a falar sobre paz, el xa sabe que quere Putin, agora saberá que quere Zelenski, e por aí imos ter instrumentos para falar con outros países” e tratar de acabar coas hostilidades.

Ao tempo, continúan os movementos vinculados coa anunciada contraofensiva militar ucraína, despois de proclamar Washington que “teñen o que precisan”, após enviar os países da Organización do Tratado do Atlántico Norte a Kíiv armas por valor de máis de 70.000 millóns de euros desde a invasión rusa.

No plano militar, o Exército ruso lanzou unha vaga de ataques aéreos contra nove rexións ucraínas, afectando segundo Ucraína 126 localidades e 153 infraestruturas civís, e causando a morte de dúas persoas. Aliás, Moscova denunciou o ataque contra edificios residenciais de drons ucraínos en Belgorod, perto da fronteira rusa con Ucraína.

En paralelo, Putin reclamou a Sergei Riabkov, viceministro de Exteriores, que o lexislativo debata a posibilidade de retirarse do Tratado sobre as Forzas Armadas Convencionais en Europa, que limita a cantidade de equipamento militar nos Estados asinantes, fixando que o número de avións de combate non pode superar os 6.800, ou  30.000 no caso dos tanques.

Aliás, Salome Zourabichvili, presidenta de Xeorxia, criticou a decisión rusa de acabar coa necesidade de visado para que a cidadanía xeorxiana poida viaxar a Rusia e de reactivar os voos directos entre os dous países, que cualificou de “provocación”.

Normalización das relacións Siria-Turquía

Trala volta de Siria á Liga Árabe aprobada polos Estados membros, os titulares de Exteriores de Rusia, Irán, Siria e Turquía reuníronse onte en Moscova, onde acordaron unha folla de ruta para normalizar as relacións entre Ancara e Damasco na que a volta dos refuxiados sirios ao seu país ocupa un lugar fundamental.

Comentarios