O Vaticano confirma que integra unha misión de paz para Ucraína

Francisco reuniuse con Orbán e un bispo ortodoxo durante a súa viaxe a Hungría, insinuando que debateu con ambos os dous as vías para acabar coa guerra en Ucraína.
O papa Francisco en Hungría. (Foto: Luca Zennaro / Europa Press / Contacto)
photo_camera O papa Francisco en Hungría. (Foto: Luca Zennaro / Europa Press / Contacto)

“Hai unha misión en marcha nestes momentos, pero non é pública por agora”, comunicou o papa Francisco, xefe de Estado do Vaticano, durante o regreso dunha viaxe a Hungría, reportaron a segunda feira medios internacionais, en referencia a unha misión de paz para pór fin á guerra en Ucraína.

Amais, deixou entrever que debateu a cuestión co primeiro ministro húngaro de extrema dereita, Viktor Orbán, e con Hilarion, bispo da Igrexa Ortodoxa Rusa no país, incidindo en que está disposto a “facer todo o que hai que facer” para conseguir o cesamento das hostilidades.

O líder católico xa cuestionara ao chegar a Budapest “onde están os esforzos creadores de paz”, incidindo no triunfo dos “solistas da guerra”. Pola súa parte, Hungría declarou o seu apoio á proposta de paz chinesa para impulsar negociacións que leven a un alto o fogo en Ucraína.

A presenza do papa católico, que tamén amosou a súa disposición a colaborar no tocante ao conflito polas crianzas desprazadas a Rusia desde os territorios en guerra, nos debates para acabar coa violencia prodúcese no medio dun cisma que dividiu as Igrexas ortodoxas desde 2019, cando a meirande parte delas se negou a aceptar a decisión do patriarca ecuménico de Constantinopla de avalar a independencia da Igrexa Ortodoxa de Ucraína do Patriarcado de Moscova, algo moi presente desde a invasión rusa pola persecución de Kíiv aos sacerdotes que non aceptan a nova denominación.

No plano militar o epicentro dos combates continúa en Bakhmut, na rexión de Donetsk, onde segundo a empresa rusa de mercenarios Wagner as forzas ucraínas ficaron repregadas a unha área de 3 quilómetros cadrados, entrementres Kíiv sostivo que os militares rusos abandonaron “algunhas posicións” na cidade.

Contraofensiva ucraína

Ao respecto da anunciada contraofensiva ucraína após reiterar a Organización do Tratado do Atlántico Norte que xa remitira case todos os tanques e vehículos blindados reclamados por Ucraína, The Times destacou que é pouco probábel que Kíiv alcance máis que “modestas ganancias territoriais”, citando funcionarios británicos. Porén, apunta que o mandatario ucraíno, Volodimir Zelenski, ten que atacar si ou si para xustificar os 70.000 millóns de euros en armamento comprometidos pola alianza militar liderada polos Estados Unidos.

En paralelo, nas últimas xornadas tanto Moscova como Kíiv intensificaron os ataques contra depósitos de combustíbel e munición, o que medios especializados consideran preparativos para a contraofensiva de Kíiv.

Comentarios