Ucraína activa a alerta aérea en todo o territorio tras ataques rusos

Turquía non acepta sancionar Rusia pola guerra e apunta que calquera decisión que tomen será baseada nos seus propios intereses.
Volodimir Zelenski. (Foto: Sarsenov Daniiar / Europa Press / Contacto)
photo_camera Volodimir Zelenski. (Foto: Sarsenov Daniiar / Europa Press / Contacto)

As autoridades ucraínas declararon a segunda feira a alerta aérea en todo o territorio do país tras o despegue dun avión de combate ruso con capacidade para portar os mísiles hipersónicos Kinzhal, explicou a Forza Aérea ucraína, detallando que a velocidade e a precisión desta arma implica “unha ameaza para todo o Estado”.

En paralelo, fixo fincapé en que non contan con suficientes sistemas de defensa aérea Patriot para protexer o espazo aéreo ucraíno “deste tipo de armamento”, poucas horas despois dunha vaga de ataques rusos en distintas zonas do país que provocaron catro mortes tras alcanzar 127 obxectivos, debullou o Ministerio de Defensa de Kíiv. Amais, cinco persoas quedaron feridas na capital ao derrubar a defensa aérea ucraína un ataque con drons. Pola parte rusa, nove persoas ficaron feridas por un bombardeo ucraíno na rexión rusa de Belgorod.

Estes ataques prodúcense no marco da espera da anunciada contraofensiva militar ucraína e un día antes da celebración do Día da Vitoria contra o fascismo en Rusia, que conmemora o 9 de maio a fin da Segunda Guerra Mundial.

Arredor desa cuestión, o presidente ucraíno Volodimir Zelenski fixo público que decidiu mudar a data da conmemoración en Ucraína e pasala ao 8 de maio para aliñarse cos países da Unión Europea (UE), resolvendo que o 9 de maio conmemorarase como o Día de Europa, unha data impulsada polo bloque comunitario.

Zelenski vinculou a Segunda Guerra Mundial coa guerra en Ucraína e apuntou que Rusia será derrotada “como o foi o nazismo”, algo que tamén fixo a UE segundo denunciou Moscova, que acusou Bruxelas de intentar “reescribir a historia” e subliñou que o vencello entre os conflitos é que “moitos países europeos que loitaron do lado da Alemaña nazi están subministrando armas” e mercenarios a Ucraína.

Turquía négase a impor sancións a Rusia

No que atinxe ás sancións coercitivas contra Rusia implementadas por Washington e Bruxelas, Mevlut Cavusoglu, ministro de Exteriores de Turquía, ratificou que non se unirán a estas medidas, insistindo en que o país membro da Organización do Tratado do Atlántico Norte “procederá tendo en conta o seu propio beneficio”.

Ao tempo, Taiwán confirmou que mantén conversas cos Estados Unidos para recibir armamento por valor de 450 millóns de euros de forma gratuíta, como compensación polo atraso nas entregas de armas compradas a Washington.

Comentarios