O emérito volve á Galiza por terceira vez desde que fuxiu aos Emiratos Árabes Unidos

Que o PP e Vox non alcanzaran a maioría absoluta nas eleccións estatais do domingo frustrou os plans de Juan Carlos I, que programaba o seu regreso ao Estado español se Feixoo acababa por gobernar.
Juan Carlos I no aeroporto de Peinador, en Vigo, en abril deste ano. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
photo_camera Juan Carlos I no aeroporto de Peinador, en Vigo, en abril deste ano. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)

Apenas 48 horas despois dos comicios ao lexislativo español, medios estatais confirmaron a terza feira da man da contorna de Juan Carlos I que o rei emérito español estaría preparado para viaxar á Galiza como moi tarde na mañá da cuarta feira para asistir a unha regata en Sanxenxo, na comarca do Salnés. Non se revelou nin a duración da súa estancia nin a axenda programada.

O ex monarca español reside desde o verán de 2020 nos Emiratos Árabes Unidos, onde fuxiu no medio de varias investigacións na súa contra na Xustiza española por suborno en relación á doazón de case 65 millóns de euros de Arabia Saudita tras a concesión dunha obra a empresas españolas, ou por varias fraudes fiscais, que o obrigaron a pagar máis de cinco millóns de euros en impostos non pagados antes de que os casos foran arquivados pola prescrición dos presuntos delitos ou a súa inmunidade como xefe de Estado cando foron cometidos.

Aínda fica un xuízo pendente contra el no Reino Unido, no que a súa ex amante, Corinna Larsen, reclama 146 millóns de euros por acoso do rei emérito ao negarse a devolverlle a doazón de Arabia Saudita, que Juan Carlos I lle transferiu para evitar que se asociase con el segundo Larsen, o que tería iniciado unha operación do “aparato do Estado” e da prensa española contra ela.

Malia que non hai impedimentos legais para a súa volta ao Estado español, distintas enquisas en 2022 cifraron en dous terzos da poboación estatal o rexeitamento ao seu comportamento e ao feche das pescudas contra el.

Neste contexto, na súa primeira viaxe ao territorio estatal tras a súa fuxida, en maio de 2022 e perante unha importante exposición pública, o rei Felipe VI trasladou ao pai que futuras visitas terían que decorrer coa “maior privacidade posíbel”, remarcando que a súa residencia permanente sería Abu Zabi.

A seguinte e última visita até o de agora produciuse case un ano despois, con Sanxenxo tamén como destino.

Un regreso frustrado

Aínda así, 10 días antes das eleccións os medios españois fixéronse eco de que Juan Carlos I agardaba que o Goberno español pasase a estar liderado por Alberto Núñez Feixoo, para o que o candidato do Partido Popular precisaba unha alianza coa extrema dereita de Vox, para instalar no outono de novo a súa residencia no palacio da Zarzuela, en Madrid.

Comentarios