O monarca reclama “respecto e lealdade” á Constitución

Felipe VI garda silencio sobre a corrupción da Casa Real

A tradicional intervención de Noiteboa de Felipe VI produciuse nun contexto marcado pola corrupción da Casa Real e cando o retorno do rei emérito da súa estadía en Emiratos Árabes Unidos dáse por feito. Porén, o monarca español gardou silencio sobre estes feitos e centrou a súa intervención na defensa da Constitución de 1978 e do proxecto da Unión Europea.   

O rei Felipe VI durante unha mensaxe de noiteboa (Foto: Europa Press).
photo_camera Felipe VI durante o seu discurso de Noiteboa. (Foto: Europa Press)

2021 non foi un ano bo para a monarquía. Malia que a causa aberta contra Juan Carlos de Borbón pola xustiza suíza ven de ser arquivada, ao non poder demostrar o fiscal, Yves Bertosa, que parte dos fondos ao seu nome en paraísos fiscais procedían do cobro de comisións ilegais, a instrución deixa clara que o patrimonio do rei emérito non se corresponde co seu salario e boa parte da mesmo procede de doazóns privadas.

O feche da investigación emprendida en Suíza só afecta a unha doazón de 65 millóns de euros do rei de Arabia Saudita, porén fican moitos supostos por aclarar da orixe do seu patrimonio total. Mesmamente, a xustiza británica mantén outra causa aberta contra Juan Carlos de Borbón e agárdase que nas próximas semanas se fagan públicas novas informacións sobre a fortuna agochada polo rei emérito.

O retorno do Juan Carlos I de Emiratos Árabes Unidos

A Casa Real española prepara o retorno do Juan Carlos I de Emiratos Árabes Unidos. Nese sentido, explícase a foto co tenista Rafael Nadal en Abu Dhabi así como a súa presenza novamente nas felicitacións de Nadal da Coroa. Porén, non está claro se o seu domicilio definitivo vai estar no propio palacio da Zarzuela de Madrid, noutra localización na capital do Estado ou mesmo en Portugal.

Felipe VI omitiu calquera referencia a estes feitos no seu discurso e reivindicou o legado do réxime de 1978. Neste sentido, sinalou que “o cambio tan profundo nestas catro décadas baseouse no sacrificio de moitas persoas, na súa xenerosidade, na súa vontade de concordia e na súa visión de futuro. Ese proxecto represéntao a Constitución que nos convoca a unión fronte á división”.

O monarca reclamou “respecto, lealdade e recoñecemento” para o texto constitucional. Nesa dirección, afirmou que “a Constitución e a trabe mestra que sostivo o noso progreso e o noso modelo de concordia” e apostou por “mantérmonos firmes nos seus valores e nos seus principios que inspiran a convivencia”

“O noso futuro vai da man da Unión Europea”

A intervención do xefe do Estado significouse pola súa defensa fechada do proxecto europeo. Así, destacou que  “o noso futuro vai da man da Unión Europea” puxo en valor “os fondos europeos” para mudar o modelo produtivo do Estado e adáptalo as mudanzas derivadas do cambio tecnolóxico.

O discurso do monarca estivo na liña argumental da Casa Real, máis activa que nunca no día a día da política estatal. A este respecto, a totalidade dos analistas coinciden en destacar o permanente contacto de Felipe VI cos diversos poderes do Estado, estando considerado como unha peza chave na táctica seguida contra o nacionalismo catalán.

O maior perfil partidario é unha característica do reinado de Felipe VI en relación co do seu pai. Mentres Juan Carlos de Borbón mantivo publicamente unha maior neutralidade formal, significándose polas súas relacións cordiais cos presidentes socialistas, nomeadamente con Felipe González, Felipe VI non agocha as súas simpatías polas posicións de dereitas máis extremas.

Comentarios