Anticorrupción arquiva a causa das comisións de 80 millóns de euros polo AVE á Meca

A Fiscalía estaba a investigar os contratos, mais non ao rei emérito, posto que no momento dos feitos gozaba de inviolabilidade. Porén, afirma agora que non puido acreditar a comisión dun delito de corrupción.
O rei emérito, Juan Carlos I, nunha das súas últimas aparicións no Congreso, en decembro de 2018. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O rei emérito, Juan Carlos I, nunha das súas últimas aparicións no Congreso, en decembro de 2018. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A Fiscalía Anticorrupción vén de acordar o arquivo das dilixencias preprocesuais abertas en 2018 relativas ás comisións de até 80 millóns de euros cobradas en relación ao AVE á Meca, ao non poderse acreditar a comisión dun delito de corrupción nas transaccións internacionais.

Segundo confirmaron fontes fiscais a Europa Press, a Fiscalía Especializada deu por rematada a investigación, que non se atopaba xudicializada, senón nunha fase anterior —de dilixencias fiscais— que podía concluír en arquivo ou pondo o investigado a disposición dun xuíz.

Anticorrupción abriu as dilixencias en decembro de 2018 para tentar aclarar o destino de 80 millóns de euros que, segundo Corinna Larsen, repartiron, entre outros o rei emérito, Juan Carlos I, pola adxudicación do AVE á Meca a empresas españolas en 2011.

Na causa investigábanse os contratos mais non o propio Juan Carlos I, posto que no momento dos feitos gozaba de inviolabilidade como monarca.

Juan Carlos I, máis unha vez, absolto

As causas polas que o rei emérito Juan Carlos I estaba a ser investigado eran múltiples, mais boa parte delas foron sobresidas o pasado mes de marzo por decisión da Fiscalía do Tribunal Supremo.

Entre as causas arquivadas, alén da cobranza de comisións polo AVE á Meca coa percepción dunha doazón de 65 millóns de euros de Arabia Saudita, atópanse cotas defraudadas á Facenda Pública no Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) de 2008 a 2012 que superan o importe de 120.000 euros que o Código Penal estabelece como "limiar do delito".

Aliás, detectáronse transferencias recibidas entre os anos 2016 e 2019 polo empresario británico-mexicano Allen Sanginés-Krause por un importe de 516.606 euros; gastos e viaxes sufragados pola Fundación Zagatka do seu primo Álvaro de Orleans; e a pertenza de dous trust (varias empresas do mesmo sector que se unen formando unha soa empresa) en Jersey (illa no canal da Mancha dependente da coroa británica) cando este territorio era considerado paraíso fiscal polo Estado español.

Comentarios