Feixoo di que lle "sabe mal" que o rei emérito resida fóra do Estado

O presidente da Xunta considera que as decisións que Xoán Carlos I tomou como xefe do Estado "foron maioritariamente beneficiosas para España".
Alberto Núñez Feixoo, nunha rolda de prensa (Foto: Arxina).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo, nunha rolda de prensa (Foto: Arxina).

O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, admitiu esta segunda feira que lle "sabe mal" que o rei emérito, Xoán Carlos I, resida fóra do Estado español, unha opinión que cre que "comparte a maioría de españois", dado que non hai "ningunha causa específica que o inhabilite para ser rei emérito".

Malia que asegurou que hai membros do Executivo de PSOE e Unidas Podemos "encantados" con esta situación, subliñou que "non é a mellor imaxe para España nin para o Goberno estatal".

Así se pronunciou Feixoo nunha entrevista concedida á canle La Sexta e recollida por Europa Press, ao ser preguntado se considera que Xoán Carlos I debería estar no Estado español, como defendeu en reiteradas ocasións o ex presidente Mariano Raxoi, ou se cre que, regrese ou non, debería dar explicacións á cidadanía.

O mandatario galego sinalou que as decisións que o emérito tomou como xefe do Estado "maioritariamente foron beneficiosas para España", aínda que recoñeceu que "as decisións a nivel persoal ou na súa vida privada pódense discutir".

"Mais o que si me sabe mal, e supoño que a todos os españois, é ter o ex xefe do Estado vivindo fóra de España e, de momento, sen saber moi ben por que, polo menos desde un punto de vista obxectivo", salientou.

"Non extrapolar os problemas internos"

Neste senso, afirmou que "un país que se prece, os temas debe resolvelos dentro e non extrapolar os problemas internos", aludindo posteriormente ao feito de que ministros e cargos de Podemos estean a favor de que non volva ao Estado a pesar de non ter unha causa aberta perante a Xustiza.

"Creo que non é a mellor imaxe para España, nin para o Goberno estatal, nin para os españois, mais vexo que hai moita xente no Goberno que está encantada con esta situación e que ademais entende que o rei emérito non pode volver a España aínda que non teña neste momento ningunha causa específica que o inhabilite para ser rei emérito como é na actualidade", concluíu.

Comentarios