O 39,4% do Estado votaría pola república e o 31% a favor da monarquía

Malia o consenso político arredor da monarquía entre os partidos maioritarios no Estado español, este consenso non existe no terreo social, onde a pesar da división existente a opción maioritaria é a de impulsar unha república como modelo de Estado, así como poder votar nun referendo se o sistema monárquico ten que continuar.
O rei español Felipe VI preside o desfile militar onte en Madrid. (Foto: Casa Real)
photo_camera O rei español Felipe VI preside o desfile militar onte en Madrid. (Foto: Casa Real)

Afúndese a percepción da cidadanía estatal sobre a monarquía, cun incremento de cinco puntos porcentuais nos últimos 365 días da poboación que considera que é “unha institución doutros tempos que non ten sentido nunha democracia”, até o 53%, revela a enquisa encargada ao Instituto 40dB pola Plataforma de medios independentes.

O estudo amosa como no caso de decorrer un referendo para elixir a forma de Estado, o 39,4% optaría pola república, mentres que o 31% estaría do lado da monarquía, unha porcentaxe similar á de persoas indecisas.

Maioría a prol do referendo

Aínda máis diferenza de pareceres existe se falamos da necesidade de convocar ese referendo, que defende o 43,8% das e dos enquisados. Pola contra, o 36,1% sostén que non é preciso votar, cun 20,1% que non o ten decidido polo de agora.

Este traballo, que inquiriu a 1.000 persoas de todo o Estado, é a continuación da primeira serie hai un ano, cando se fan seis exercicios desde a última vez que o Centro de Investigacións Sociolóxicas preguntou pola valoración da monarquía.

Precisamente neste aspecto, a confianza da poboación sitúase nun 4,1 sobre 10, por debaixo das Forzas Armadas, cun 6, o Poder Xudicial, co 4,8, e os medios de comunicación, co 4,5. Cun menor índice de confianza está o Parlamento (4), sindicatos (3,7), a Igrexa (3,2) e os partidos políticos (2,9).

46% de insatisfacción coa monarquía

Asemade, as cifras apuntan que a satisfacción coa monarquía diminuíu un 6,4%, até o 35,7% das persoas que participaron na investigación, ao tempo que se acrecentou en catro puntos o dato de persoas nada ou pouco satisfeitas, o 46% do total.

No que atinxe aos membros da Casa Real, o peor parado é o rei emérito español, Juan Carlos I, cunha valoración de 3,2 sobre 10, seguido da raíña actual, Letizia, con 4,7. Porén, aproba a raíña emérita, Sofía, co 5,6%, e o actual monarca, Felipe VI, co 5,7.

O 20% considera que Juan Carlos I se sitúa na extrema dereita política

A enquisa da Plataforma de medios independentes ofrece datos sobre a percepción da cidadanía sobre distintos integrantes da Casa Real. Con respecto a Juan Carlos I, fuxido hai máis dun ano nos Emiratos Árabes Unidos, a súa ideoloxía é de extrema dereita para o 20,1% e de dereita para o 25,8%. O 10,2% asegura que non ten ideoloxía.

O actual xefe de Estado, Felipe VI, recibe a mesma puntuación no apartado de carencia de ideoloxía e unha puntuación semellante na suma entre dereita e extrema dereita, cun 29,1% na primeira e un 14,2% na segunda, 1,7 puntos porcentuais máis que no anterior estudo.

Con todo, os datos amosan como os escándalos dentro da Casa Real son un elemento chave no dano á imaxe internacional do Estado español, posición que apoia o 72,6%.

Comentarios