A xustiza británica investigará Juan Carlos I por "vixilancia ilegal" a Corinna Larsen, ao negarlle a inmunidade legal

Corinna Larsen acúsao de difamala e ameazala, empregando o Centro Nacional de Intelixencia (CNI).
Juan Carlos I e Corinna Larsen. (Europa Press)
photo_camera Juan Carlos I e Corinna Larsen. (Europa Press)

A xustiza británica investigará o rei emérito do Estado español, Juan Carlos I, por un presunto delito de investigación ilegal e acoso a Corinna Larsen, despois de que os maxistrados negasen que o monarca contase con inmunidade legal ante esta acusación.

Segundo explican varios medios, o xuíz Matthew Nicklin non aceptou as xustificacións presentadas polos avogados de Juan Carlos I, cos que se reuniu en dúas sesións preliminares a finais de 2021, e sinala que "ningún dos fundamentos para defender a existencia de inmunidade de Estado logrou demostrarse, e polo tanto, a demanda debe seguir adiante".

Con esta decisión, ábrese a porta a que a investigación sobre a comisión do presunto delito leve a Juan Carlos I  a sentarse no banco dos acusados nun xulgado de Reino Unido

Ao tratarse dunha demanda civil e non penal, no caso de que o monarca fose declarado culpábel non implicaría o seu ingreso en prisión, senón que debería pagar unha indemnización a Corinna Larsen polo presunto dano cometido.

Acusado de vixilancia e ameazas

Os letrados de Larsen presentaron unha demanda en 2021 contra o rei emérito por un presunto delito de "vixilancia ilegal" e ameazas por parte dos servizos de intelixencia españois (CNI).

Segundo a versión da alemá, as ameazas comezaron en 2012, despois de finalizar a relación sentimental que os unía e do incidente de Juan Carlos I en Botsuana. A partir dese momento, Larsen denunciou ter sufrido as ameazas do monarca, quen chegou a empregar o CNI para espiala, tanto en Abu Dhabi, onde residía, como en Reino Unido.

Nas súas declaracións afirmou que o rei emérito, despois de que ela se negara a devolverlle unha comisión de 65 millóns de euros procedentes de Arabia Saudí, comezou a fomentar unha campaña de descrédito e difamación entre os seus clientes.

Incluso relatou que tanto ela como os seus familiares sufriron ameazas á integridade física, polo que ademais dunha indemnización, a demanda tamén recolle que se estabeleza unha orde de arredamento de 150 metros de distancia.

Comentarios