O rei emérito recibiu cando menos 205 millóns de euros de Arabia Saudita

Juan Carlos I confesou que o rei saudita lle entregara 31 millóns de euros como un agasallo para "a transición". Esta revelación faise pública xusto cando a Fiscalía valora abandonar a investigación contra o emérito.
O rei emérito español Juan Carlos I e o rei Felipe VI presiden en 2019 o padroado da Fundación Cotec. (Foto: Josefina Blanco / Europa Press)
photo_camera O rei emérito español Juan Carlos I e o rei Felipe VI presiden en 2019 o patronato da Fundación Cotec. (Foto: Josefina Blanco / Europa Press)

En 1995, o rei emérito español, Juan Carlos I, xa recibira de Arabia Saudita cando menos 36 millóns de dólares, amais de créditos por valor de 100 millóns de euros (117 millóns de euros entre préstamos e doazóns), segundo confesou el mesmo a Emilio Alonso Manglano, director do Centro Superior de Información da Defensa (Cesid) entre 1981 e 1995.

“O rei saudita deume 36 millóns de dólares para a transición”, transcribiu na súa axenda Manglano nunha reunión o 30 de maio de 1989, convertendo a monarquía absolutista na principal patrocinadora do novo réxime creado tras a morte do ditador Francisco Franco en 1975, recollen os medios estatais.

No que atinxe aos créditos, explica que no primeiro que se lle outorgou, de 50 millóns de dólares, “retéñense 30 no banco, o resto a investir”, cunha “ganancia de 18 millóns de dólares”.

50 millóns para a UCD

Ademais, a axenda do ex director do Cesid revela como Juan Carlos I tivo un papel activo á hora de garantir que houbera certo continuísmo no poder político dos dirixentes do franquismo, polo que xestionou por medio dunha terceira persoa “50 millóns de dólares para a Unión de Centro Democrático (UCD)”.

Malia que Arabia Saudita e a poboación do Estado -vía impostos- foron sen dúbida o principal soporte financeiro do emérito, fuxido hai máis dun ano nos Emiratos Árabes Unidos, desde o comezo tamén procurou novas vías para engordar o seu patrimonio, como refire unha solicitude de 1977 ao Sha de Persia, na que reclama 10 millóns de euros “para apoiar a Adolfo Suárez” (UCD).

Así chegamos á última ‘doazón’ coñecida do Reino gobernado pola familia Saud cara a Juan Carlos, 100 millóns de dólares en 2008, polo que entre todos os conceptos chegou a recibir como mínimo 205 millóns de euros.

Indicios de suborno e lavado de capitais

O fiscal suízo Yves Bertossa dirixe a investigación máis avanzada das contas do rei emérito, na que vencella o pago de 2008 con comisións pola concesión do AVE Medina-A Meca (Arabia Saudita), remitidas a unha fundación que tiña como beneficiario o ex xefe de Estado español.

Precisamente Suíza foi un dos Estados que recibiron en febreiro deste ano unha comisión rogatoria internacional da Fiscalía do Tribunal Supremo (TS), solicitando información de contas bancarias relacionadas con Juan Carlos I, apuntando a comisión de delitos de suborno, lavado de capitais, contra a facenda pública e de tráfico de influencias.

Ademais de indagar sobre as comisións polo AVE, o Ministerio Fiscal investiga a existencia dunha conta con 10 millóns de euros a nome do emérito na illa británica de Jersey -un paraíso fiscal na canle da Mancha- e mailo uso de tarxetas de crédito opacas asociadas a contas dirixidas por outras persoas.

Regularizacións contra a lei

A pesar de que as regularizacións fiscais de cartos non declarados a Facenda son ilegais de producirse unha vez notificada a investigación, unha vez informado das pescudas, Juan Carlos I efectuou unha dupla regularización, de 678.000 euros en decembro de 2020 e de 4,4 millóns de euros en febreiro deste ano.

A Fiscalía valora abandonar a investigación contra Juan Carlos I

Incluso tras forzar que se desvelaran estas actividades ilícitas, medios españois fixeron público onte que a Fiscalía do TS está a valorar arquivar as dilixencias e rematar coa investigación, de feito, fontes do tribunal agardan que en outubro sexa ratificado este extremo. Porén, outras fontes consultadas indican que a resolución aínda está aberta, e que o equipo do tenente fiscal do TS, Juan Ignacio Campos, está traballando de maneira “rigorosa, eficiente e exhaustiva”.

Para soster as intencións da Fiscalía filtrouse que tanto as regularizacións fiscais, como o terse cometido algúns delitos cando exercía a Xefatura do Estado e era legalmente inviolábel, así como a falta de carga probatoria dalgúns crimes, inciden nunha decisión que terá que ser tomada nas vindeiras semanas despois de máis dun ano de investigación, sexa para levalo a xuízo ou para renunciar a continuar investigando.

Comentarios