Os letrados do Congreso rexeitan de novo a investigación a Juan Carlos I: "É inviolábel e non ten responsabilidade"

A Mesa do Congreso xa impediu varias iniciativas na mesma liña coa suma dos votos de PSOE, PP e Vox.
O rei emérito, Juan Carlos I (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera O rei emérito, Juan Carlos I. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

Os letrados do Congreso reafirmáronse esta segunda feira na súa opinión contraria a que a Cámara investigue as presuntas irregularidades cometidas polo rei emérito, Juan Carlos I, desaconsellando deste modo admitir a última iniciativa rexistrada por Unidas Podemos, ERC, EH Bildu, Máis País, Compromís, Junts, PDeCAT e BNG.

Este novo intento para que o Congreso abra pescudas sobre as "presuntas ilegalidades e irregularidades cometidas por membros da Casa Real" e "os seus cómplices" ten como referencia os contidos do documental Salvar o Rei, producido por HBO, segundo admiten os propios asinantes.

A petición será analizada esta terza feira pola Mesa do Congreso, que vén rexeitando todas as iniciativas destinadas a investigar o pai de Felipe VI cos votos de PSOE, PP e Vox, cuxos representantes no órgano de goberno da Cámara xustifican a súa posición na opinión dos letrados.

"Inviolábel e irresponsábel"

Nesta ocasión, de novo, os servizos xurídicos defenden que non procede a súa admisión a trámite "tendo en conta a posición institucional da Xefatura do Estado no marco constitucional".

No documento dos servizos xurídicos cítanse os artigos 56.3 e 65 da Constitución. O primeiro consagra a figura do Rei como "inviolábel" e "non suxeita a responsabilidade", e o segundo estabelece que o Xefe do Estado distribúe libremente a partida orzamentaria que recibe cada ano.

Para defender a non tramitación da comisión de investigación, os letrados ampáranse tamén na interpretación que sobre esta materia fixo a xurisprudencia do Tribunal Constitucional e nos precedentes existentes na Cámara.

Comentarios