Eloxios e críticas á Constitución do Estado cando chega ao 43º aniversario

Contraste entre as celebracións institucionais pola Constitución española e as críticas das forzas soberanistas. En Catalunya reivindican a recuperación do Parlament en 1932.
Acto institucional no Congreso decorrido onte polo aniversario da Constitución española. (Foto:  Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Acto institucional no Congreso decorrido esta segunda feira polo aniversario da Constitución española. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O 43º aniversario da Constitución española decorreu no Estado entre actos institucionais de gabanza, focalizados no Congreso en Madrid, e abertas mostras de repulsa por parte dos partidos soberanistas, por ser “un instrumento para violentar dereitos democráticos básicos”, sinala o texto divulgado na previa polas forzas da Declaración de Llotja de Mar (Barcelona).

Bloque Nacionalista Galego, Candidatura d’Unitat Popular (CUP), EH-Bildu, Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), Junts, Més per Mallorca e Més per Menorca definen o texto como “deslexitimado e convertido en factor condicionante e determinante das nosas aspiracións democráticas”, e que ademais impide abordar trocos estruturais.

A “reforma radical” que demandan para que os pobos do Estado poidan exercer o dereito á autodeterminación é incompatíbel “cun impedimento estrutural dun futuro en democracia”, como é o actual marco constitucional, salientan.

O presidente de Catalunya, Pere Aragonès (ERC), cualificou de “obsoleta” a Constitución estatal e fixo un chamamento a “culminar con éxito” o proceso pola independencia por medio dun referendo. “O Govern non quere ningunha reforma, o que quere é unha Constitución catalá”, incidiu, remarcando que non hai nada que celebrar o 6 de decembro.

Diada de les Corts Catalanes

Pola súa banda, a presidenta do Parlament, Laura Borràs (Junts), reivindicou o 89º aniversario da constitución do órgano lexislativo en 1932, após ser abolido en 1714. O Parlament “mantén vivo” o espírito co que se creou, relatou Borràs, “ser a casa de todos os cataláns, a sede da soberanía do pobo de Catalunya”.

A Assemblea en Defensa de les Institucions Catalanes reclama que, coincidindo co 90º aniversario, a data sexa declarada Diada Nacional de les Corts Catalanes.

No que atinxe á CUP, defenderon “rachar coa Constitución española” e falar de “independencia”, nas súas redes sociais.

En Euskal Herria, o voceiro do Partido Nacionalista Vasco no Congreso, Aitor Esteban, apuntou que o “PNV non apoiou a Constitución, discrepamos con moitas das súas partes”.

Desde EH Bildu, destacan que se trata dun día normal de traballo político por “unha república vasca de libres e iguais” e sen “nada que celebrar”.

Acto no Congreso

En Madrid, ás 12 do mediodía desta segunda feira comezaba o acto institucional no Congreso, por segundo ano consecutivo trasladado á rúa, na escalinata da cámara baixa.

A única intervención correu a cargo de Meritxell Batet (PSOE), presidenta do Congreso, diante das principais autoridades estatais, incluído o presidente Pedro Sánchez, e coa ausencia das formacións soberanistas con representación na institución.

Eloxiando a Constitución, Batet alertou dos perigos “de priorizar as dinámicas de enfrontamento fronte aos acordos”, así como de “xudicializar innecesariamente a política”, descoñecendo o “espazo deliberativo propio de todo sistema político democrático”.

Asemade, recoñeceu que a actividade parlamentar “pasa por circunstancias difíciles” e que as e os políticos teñen unha “especial responsabilidade en tempos de crise”.

Un marco con posibilidades limitadas de reforma

A reforma da Constitución española, desenvolta por sete redactores dos que catro proviñan do franquismo, implica a necesidade de que tres quintas partes do Senado e do Congreso aproben a modificación, polo que só por medio dun acordo entre PSOE e Partido Popular se poden abordar cambios.

O presidente do Tribunal Constitucional, Pedro González-Trevijano, subliñou onte que as reformas teñen que vir precedidas de “distensión política”.

Comentarios