43 aniversario da Constitución española: "Os nosos dereitos como nación están atados de pés e mans"

Con motivo do 43 aniversario da Constitución española, BNG, CUP, EH-Bildu, ERC, Junts, Més per Mallorca e Més per Menorca realizan unha declaración conxunta na que censuran a "exaltación e defensa fanática" desta norma fundamental "por parte daqueles que se resisten a responder ás demandas nacionais dos nosos pobos".
Pedro Sánchez e Meritxell Batet nos actos conmemorativos. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez e Meritxell Batet nos actos conmemorativos. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

"Houbo un tempo no que as constitucións tiñan un obxectivo fundamental, protexer os dereitos civís e políticos da cidadanía". Mais "España foi a excepción". É unha das primeira reflexións que as formacións soberanistas BNG, CUP, EH-Bildu, ERC, Junts, Més per Mallorca e Més per Menorca expresan nunha declaración consunta con motivo do 6 de decembro, día da Constitución.

Segundo lembran, pasaron 43 anos dun referendo constitucional que supuxo a aprobación dunha lei que deixou "fechados os dereitos dos nosos pobos entre as liñas do seu propio texto, negando a realidade plurinacional e os conseguintes dereitos nacionais das nosas respectivas nacións".

No marco da actual Constitución, din, o modelo autonómico de descentralización "non só está esgotado", pendente de se cumprir en moitos aspectos, senón que sufriu "numerosos" recortes “unilaterais” pola acción lexislativa do Congreso dos Deputados e pola permanente intervención invasora dun Tribunal Constitucional "convertido en instrumento de recentralización do Estado".

Déficit de lexitimidade

Salientan, ademais, o "déficit de lexitimidade" que pesa sobre a Constitución española. "A maioría da poboación actual das nosas nacións e do Estado español non tivo a oportunidade de opinar sobre cuestións capitais do seu contido como a Monarquía, o modelo territorial ou os dereitos sociais".

"Estamos ante unha Constitución esgotada, deslexitimada e convertida en factor condicionante e determinante das nosas aspiracións democráticas", polo que coinciden en afirmar que é o momento de "facer fronte a cambios estruturais". E engaden: "O propio Estado español é consciente da fin do ciclo constitucional e da necesidade de reformas", malia as súas posicións inmobilistas.

"As nosas nacións teñen que erguer a súa voz", reivindican. "O debate sobre a cuestión territorial vai estar presente e debemos estar preparadas para defender conxuntamente a nosa posición".

Neste sentido, afirman que nas próximas décadas é previsíbel que asistamos a transformacións de ruptura que van amosar aínda máis a necesidade de instrumentos e capacidades de decisión "para facer fronte aos retos que como nacións e como cidadanía se nos presentan".

Plurinacionalidade

As formación asinantes da declaración manteñen que a Constitución virou nun "instrumento para violentar dereitos democráticos básicos", de forma que se sitúa como "impedimento estrutural dun futuro en democracia para as nosas nacións, sendo indispensábel a súa reforma radical tanto no modelo de Estado como en dereitos sociais".

Así, seguirán loitando por esixir ao Estado un modelo que, desde o recoñecemento da plurinacionalidade do Estado e do dereito de autodeterminación dos pobos, permita á cidadanía dos nosos respectivos pobos decidir democraticamente o seu modelo político e relación co Estado. "Somos nacións e queremos decidir democraticamente o noso futuro", conclúen.

Comentarios