O BNG afea ao Estado a "falta de compromisos concretos" co tren

A ministra Raquel Sánchez di que "xa hai servizos de proximidade aínda que non se chamen 'cercanías'". Aliás, co seu discurso tamén descartou unha posíbel transferencia da titularidade da autoestrada AP-9 a Galiza.
nestorrego
photo_camera O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, nunha imaxe de arquivo (Foto: Nós Diario).

O Goberno estatal está "comprometido" coa rede ferroviaria galega. Así o manifestou nesta cuarta feira a ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, en resposta a unha pregunta do portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, sobre as conexións no interior do país. "Xa existen trens de proximidade, chámense ou non cercanías", replicou Sánchez, quen salientou que a oferta ferroviaria na Galiza é de "máis de 540 trens semanais".

A intervención da ministra non compraceu Rego, que botou en falta "compromisos concretos" para implantar os servizos de proximidade, algo que para o Bloque é "unha prioridade absoluta".

Neste senso, lembrou que os cercanías xa están operativos no resto do Estado "en cidades de 270.000 habitantes e áreas urbanas de 400.000", unhas cifras que superan as "rexións urbanas" de Vigo-Pontevedra, conformada por 700.000 persoas, e A Coruña-Ferrol, con 650.000. "Ningún goberno español soubo explicar até agora o porqué", dixo.

"As políticas do Estado na Galiza en materia de infraestruturas esqueceron impulsar a modernización da rede ferroviaria interna e dotar de servizos adecuados o noso país", engadiu o deputado nacionalista. A transición enerxética, defendeu Rego, non será posíbel "sen unha aposta clara polo ferrocarril", que é "un modo de mobilidade eficaz, eficiente e sustentábel".

O BNG defende a creación dun ente público galego "que poida xestionar os servizos ferroviarios internos", mais, mentres as competencias non sexan transferidas, o Estado "debe cumprir coa Galiza, porque as galegas e galegos tamén pagamos impostos e temos dereito a contar con bos servizos de transporte público".

Recuperación dos servizos previos á pandemia

A ministra Sánchez, pola súa banda, gabouse tamén da chegada da alta velocidade a Ourense, cuxa liña con Madrid se inaugurará o vindeiro 21 de decembro. Nese intre, afirmou, Renfe restabelecerá "o cen por cen" dos servizos ferroviarios previos á irrupción da pandemia.

Porén, Néstor Rego subliñou que o AVE chega á Galiza "con 30 anos de atraso sobre a data inicial", e apuntou que "non resolve moitos dos problemas de mobilidade", xa que "a preocupación da maioría da poboación é poder moverse en transporte público nos desprazamentos habituais", e non "chegar a Madrid unha hora antes".

Aliás, criticou que o AVE "modifica os horarios e prexudica as e os viaxeiros habituais do eixo Ourense-Compostela-A Coruña, alén de castigalos con prezos abusivos".

Sobre o traspaso da AP-9

Por outra parte, a representante do Goberno do Estado español, resaltou que o traspaso da titularidade da autoestrada AP-9 a Galiza é complexo no actual marco de bonificacións.

"Supón un esforzo importante a cargo dos orzamentos xerais do Estado e é o Ministerio e o Goberno quen paga", comentou para concretar: "Polo tanto parecería que ten difícil encaixe nese marco de bonificacións que son asumidas por parte do ministerio proceder a unha transferencia da titularidade desa autoestrada".

Comentarios