Critican o Goberno italiano por obstruír os rescates de migrantes

Roma pide a un barco desprazarse a tres portos distintos para desembarcar máis de 400 persoas migrantes rescatadas no mar Mediterráneo. A distancia entre os portos é de case 1.000 km.
Barco 'Geo Barents'. (Foto: Daniele Carotti  / Europa Press / Contacto)
photo_camera Barco 'Geo Barents'. (Foto: Daniele Carotti / Europa Press / Contacto)

Médicos Sen Fronteiras, unha entidade non gobernamental, denunciou esta cuarta feira Italia por dificultar o traballo do seu buque Geo Barents, que se dedica a rescatar migrantes no mar Mediterráneo, no contexto dunha nova regulación e do estado de emerxencia migratorio decretado en abril polo Goberno de extrema dereita liderado por Giorgia Meloni.

A entidade informou de que solicitou a Roma permiso para desembarcar 462 persoas que se atopan na embarcación após unha ducia de rescates a fin de semana. Porén, as autoridades italianas reclamaron primeiro desembarcar 116 persoas na illa de Lampedusa, antes de confirmar a terza feira que o resto das persoas terían que ser transferidas nos portos de Marina di Carrara e Livorno.

Entre Lampedusa e Livorno hai máis de 900 km, ao que hai que engadir 60 km entre esta última localidade e Marina di Carrara. A organización afirmou que “non se deu ningunha explicación” ao respecto por parte de Roma, a pesar de que o país participou na meirande parte dos rescates “coordinando as operacións” ou solicitando ao barco que as desenvolvera.

Ao tempo, sinalou que “non atopamos ningunha motivación razoábel” para ter que cubrir unha “distancia considerábel”, o que “só aumenta os días de navegación, o tempo que pasan a bordo e diminúe as posibilidades de estar no mar para proporcionar rescate cando sexa preciso”.

Amais, fixo fincapé en que “expresamos a nosa preocupación polo impacto que terá no benestar mental e físico dos superviventes, entre eles hai moitas persoas que necesitan inmediatamente asistencia médica e psicolóxica que só é posíbel en terra”, polo que pediron que “se antepoña o interese dos superviventes que se atopan a bordo”.

Limitación aos rescates

A normativa aprobada polo Executivo italiano limita os rescates marítimos e chegou a provocar a detención de buques de rescate por violacións a esa lei, amais, dificultou que as persoas migrantes poidan acceder a protección estatal.

Isto levou Italia a premer a UE para impulsar un pacto con Tunisia semellante aos que o bloque comunitario asinou con Libia, Marrocos ou Turquía para que estes países freen as saídas de migrantes en dirección a Europa, acordo que foi fechado o pasado domingo.

Á vez, a denuncia de Médicos Sen Fronteiras chega un día despois de que o lexislativo do Reino Unido validara unha nova lei migratoria que para a Organización das Nacións Unidas viola o dereito internacional para os dereitos humanos e os refuxiados.

Comentarios