Italia négase a permitir a entrada de migrantes rescatados por buques de varias ONG

"Non podemos traer migrantes que son rescatados no mar por barcos estranxeiros que operan sen ningún tipo de coordinación coas autoridades", aseverou o ministro do Interior italiano, Matteo Piantedosi.
Migrantes rescatadao polo 'Geo Barents' (Foto: Filippo Taddei /MSF).
photo_camera Migrantes rescatadao polo 'Geo Barents' (Foto: Filippo Taddei /MSF).

As autoridades italianas expresaron novamente a súa negativa para permitir a entrada de migrantes rescatados por buques de varias ONG no Mediterráneo e pediron que sexan precisamente os países cuxas bandeiras locen estas embarcacións os que acollan as persoas migrantes en cuestión.

"Non podemos traer migrantes que son rescatados no mar por barcos estranxeiros que operan sen ningún tipo de coordinación coas autoridades", aseverou o ministro do Interior, Matteo Piantedosi, segundo informou o diario Correr della Sera.

Piantedosi indicou que os migrantes que chegan ao país tras ser rescatados por estes buques supoñen 16% das chegadas, aínda que o Goberno lida co outro 84 por cento que chega ás costas italianas en embarcacións que son auxiliadas polas autoridades. "Italia non abandonará o seu deber de rescatar a xente no mar, pero a solidariedade europea tense que converter nunha realidade", dixo.

Máis de 500 migrantes seguen a bordo do 'Geo Barents' 

A ONG Médicos sen Fronteiras (MSF) alertou de que a embarcación Geo Barents encóntrase á espera de lograr un porto seguro no cal atracar con 572 persoas a bordo, entre elas tres mulleres embarazadas e máis de 60 menores.

A organización advertiu que a pesar de que todos os rescates se levaron a cabo en augas de Malta, o Goberno non deu instrucións de rescate nin respondeu ás peticións dun porto seguro, o que "contradi a lexislación internacional". MSF tamén pediu desembarcar en Italia noutras tres ocasións.

"Temos 572 persoas a bordo con 572 historias diferentes", explicou Riccardo Gatti, xefe do equipo de procura e rescate de MSF a bordo do Geo Barents. "A bordo hai un neno que está decidido a ir a Alemaña. Alí está a súa nai, enferma terminal de cancro. Quere vela por última vez antes de que se vaia", indicou.

Está previsto que esta mesma cuarta feira se renove o acordo migratorio alcanzado entre Italia e Libia e que estará vixente outros tres anos.

Comentarios