Sae á luz a fotografía dun integrante do Goberno de Giorgia Meloni cun brazalete nazi

Galeazzo Bignami centrou o seu discurso en criticar e tachar de “absurda” a publicación dunha fotografía privada case vinte anos despois.
Galeazzo Bignami co brazalete nazi. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Galeazzo Bignami co brazalete nazi. (Foto: Nós Diario)

Giorgia Meloni converteuse o pasado mes de outubro na primeira dirixente de extrema dereita en Italia desde o remate da Segunda Guerra Mundial. Pese aos intentos do Executivo de rebaixar a súa imaxe xenófoba e racista, esta terza feira fíxose viral unha imaxe que mostra os vínculos do novo Goberno italiano co fascismo e o nazismo.

O protagonista da fotografía é Galeazzo Bignami, recentemente nomeado viceministro de Infraestruturas pola primeira ministra de Italia. Na imaxe en cuestión Bignami posa cun brazalete nazi cunha esvástica.

Aliás, o novo cargo político no país transalpino vestía unha camisa negra, empregada polos fascistas comandadas por Benito Mussolini. O uso de roupa desta cor xa desatou a tensión na toma de investidura de Meloni, cando esta apareceu totalmente vestida de negro.

Segundo informacións publicadas pola prensa italiana, a fotografía de Bignami, de corenta e sete anos, foi tomada en 2005 durante unha despedida de solteiro e xa circulaba en redes desde 2016.

Bignami critica a publicación da imaxe

A fotografía volveu saír a luz horas antes de que esta cuarta feira Binami teña que xurar o seu cargo na cerimonia de toma de posesión das Secretarías de Estado italianas. Ante a posibilidade de que o escándalo público puidese facer perigar o seu nomeamento, Bignami afirmou esta terza feira sentirse avergoñado pola imaxe en cuestión. Porén, o político centrou o seu discurso en criticar e tachar de “absurda” a publicación dunha fotografía privada case vinte anos despois.

Varias figuras públicas da política italiana, como o alcalde de Nápoles, Luigi de Magistris, reaccionaron ao instante e instaron Meloni a reconsiderar a designación de Bignami como viceministro de Infraestruturas.

Cómpre lembrar que a propia primeira ministra militou cando era nova na Fronte della Gioventù (Fronte da Mocidade), a organización xuvenil do Movimento Sociale Italiano, formación fundada en 1947 como sucesora do Partito Fascista de Benito Mussolini.

En 1996 tomou as rendas de Azione Studentesca (Acción Estudantil), o sindicato de estudantes vencellado a Alleanza Nazionale (Alianza Nacional), partido encabezado por Gianfranco Fini que colleu o relevo do fascista MSI.

Comentarios