Putin decreta a lei marcial nos catro territorios ucraínos incorporados

Ancara confirma o acordo para exportar gas ruso após a sabotaxe do Nord Stream, amais, Rusia impón a lei marcial perante o avance das tropas ucraínas.
Vladimir Putin esta semana. (Foto: Gavriil Grigorov / Planet Pix via / DPA)
photo_camera Vladimir Putin esta semana. (Foto: Gavriil Grigorov / Planet Pix via / DPA)

Durante unha reunión onte do Consello de Seguridade ruso, o presidente Vladimir Putin declarou a lei marcial en Khersón, Zaporijia, Donetsk e Luhansk, os territorios incorporados a Rusia a comezos de outubro, formalizando unha situación que xa se dá na práctica pola guerra, asegurou.

Este status terá que ser ratificado polo lexislativo ruso. Amais, o mandatario criticou Ucraína por non recoñecer os referendos que decorreron en setembro nas zonas destas rexións controladas por Rusia.

Pola mañá comezou a evacuación da cidade de Khersón, capital do oblast homónimo, na que residen arredor de 50.000 persoas, polos avances das últimas semanas do Exército ucraíno na área, o que lles permite atacar a urbe con mísiles e drons, apunta o comandante ruso nos territorios incorporados, Sergei Surovikin, que advertiu que Kíiv planea destruír un importante encoro.

Surovikin cualificou a situación como “tensa” e denunciou os ataques contra civís de Ucraína, cuxas autoridades están dispostas a “condenar a destrución” os seus propios soldados, incidiu.

Pola súa banda, unha comisión da Organización das Nacións Unidas acusa Rusia de ser a responsábel da “gran maioría” das violacións dos dereitos humanos nas primeiras semanas após entrar no conflito en Ucraína.

No que atinxe á central nuclear de Zaporijia, controlada por Rusia desde marzo, Moscova denunciou onte novos ataques militares ucraínos contra a área da instalación e a vila na que se localiza, Energodar, así como un intento das tropas de Kíiv de facerse coa planta.

Ademais, o Organismo Internacional de Enerxía Atómica fixo pública a detención de dous membros do persoal ucraíno da central. Apenas un día antes, o seu director, Rafael Grossi, amosábase esperanzado dun acordo entre Rusia e Ucraína para estabelecer unha zona de seguridade arredor da infraestrutura.

Con respecto á subministración de gas natural á Unión Europea, o presidente turco, Recep Tayyip Erdogan, confirmou que “crearemos un nodo aquí co gas procedente de Rusia”, unha proposta de Putin para substituír o volume que antes se subministraba polos gasodutos Nord Stream, que sufriron unha sabotaxe a finais de setembro.

Finlandia avanza co valado na fronteira

Os partidos políticos con representación no Parlamento finlandés trasladaron o Executivo o seu apoio a comezar a construción dun valado na fronteira con Rusia, cuxas obras poderían empezar o vindeiro verán.

Comentarios