A ameaza da 'bomba sucia': que é e por que preocupa á comunidade internacional?

Unha 'bomba sucia' contén materiais radioactivos, mais o perigo non radica tanto na exposición á radiación como na propia explosión, ao non tratarse dunha bomba atómica.
A 'bomba sucia' non é unha bomba atómica ao uso. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A 'bomba sucia' non é unha bomba atómica ao uso. (Foto: Nós Diario)

O Goberno ruso vén de enviar unha carta á ONU na que afirma que Ucraína "posúe tecnoloxías" que permitirían crear unha 'bomba sucia', ao contar con "tres centrais nucleares con combustíbel nuclear gastado", así como os "residuos nucleares que se conservan en Chernóbil". Segundo o Kremlin, o obxectivo sería "enmascaralo como unha detonación anormal dunha oxiva nuclear rusa de pouca potencia" e así "acusar Moscova de recorrer ao arsenal nuclear táctico".

Unhas acusacións que Kíiv desbota, alegando que o "único" capaz de empregar unha arma "de tal magnitude", dixo o presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, "é Vladimir Putin". "Se Rusia di que Ucraína está preparando algo, só significa unha cousa: que Rusia xa preparou todo iso", defendeu.

Ante este novo e hipotético escenario saltan as alarmas na comunidade internacional, mais, sobre todo, unha pregunta: Que é unha 'bomba sucia' e por que resultaría tan perigosa? Este tipo de arma está composta por material explosivo convencional que se envolve en substancias radioactivas.

O obxectivo da 'bomba sucia' é espallar eses materiais perigosos en forma de po ou area sobre unha poboación ou lugar estratéxico que ficaría afectado fortemente pola radiación. A diferenza da bomba atómica, a 'sucia' fabrícase de forma máis sinxela e con materiais de fácil acceso.

Esta arma é tamén coñecida como 'dispositivo de dispersión radiolóxica' e non pode xerar unha explosión atómica, dado que non é unha arma nuclear ao uso, e combina explosivos comúns como a dinamita, o po e perdigóns radioactivos que contaminarían a zona do ataque.

Así, as persoas expertas estabelecen a diferenza entre unha bomba 'sucia' e outra 'limpa' na presenza que ten o material radioactivo, pois no primeiro caso a explosión espalla pouca radiación mentres no segundo os elementos radioactivos son parte do dano, precisamente, que debe provocar a arma.

Neste senso, e a diferenza do que acontece co lanzamento dunha bomba atómica, cando falamos da 'sucia' o principal risco para as vidas humanas non radica tanto na radiación senón na propia explosión, que pode causar lesións de gravidade e danos materiais considerábeis. A poboación podería fuxir antes de se ver afectada pola radiación —só aquelas máis expostas por proximidade á bomba—, mais os danos materais e económicos serían enormes.

Comentarios