Opinión

Non digas Zelenski, di Victoria Nuland

A primeira noticia que tivo a maioría da poboación sobre os sucesos de Ucraína foi a da invasión rusa. Un país grande ataca un pequeno. Tomar postura resulta fácil. Máis aínda se engadimos o medo que nos produce a todos o comezo dunha guerra en territorio relativamente próximo, a consciencia de que haberá moitas mortes e a posibilidade de que o conflito se estenda. Desde o punto de vista ético e político a cuestión está clara.

Se abrimos o foco, tanto espacial como cronoloxicamente, a nosa posición xa non nos debería parecer tan obvia. O actual poder ucraíno deriva do golpe de 2014, no cal un dos papeis máis importantes, por non dicir o principal, foi xogado pola alta diplomática norteamericana Victoria Nuland. Poden escoitar en Youtube as conferencias e entrevistas co embaixador español xubilado, e en absoluto pro ruso, José Antonio Zorrilla.

Deberiamos saber tamén que os territorios do leste de Ucraína viven en guerra desde ese mesmo ano, por non ter aceptado o goberno nacido do golpe, sufrindo por iso continuos bombardeos por parte de Kiev.

Ademais, están os acordos de Minsk, aprobados primeiro por todas as partes, e despois ignorados por Occidente. Eses acordos prevían a autonomía dos territorios do Dombás que permanecerían dentro de Ucraína.

Por último hai que contar coa progresiva expansión da OTAN cara o leste, considerada "imprudente" por Kissinger, e lembrar que o ataque ruso desatouse cando Zelenski lles solicitou aos seus aliados armas nucleares, armas que situarían Moscova como posíbel albo dun ataque en apenas tres ou catro minutos.

Con ese marco xa temos unha maior perspectiva. Pero que deberiamos pensar os galegos que nos consideramos nacionalistas? Outra vez o asunto deixa de ser evidente.

Galiza é atlántica e esa coincidencia nominal coa OTAN non é 'baladí'. Ademais, e como diría Errejón, Rusia quédanos lonxe. Algúns nacionalistas, como sucede en Cataluña, non ven en Ucraína máis que unha nación agredida.

Pero ademais, e isto é importante, unha organización como o BNG debe empezar a pensar como forza de goberno, o que significa que o seu discurso desde a oposición debe asemellarse ao que tería de ocupar a presidencia da Xunta.

E unha forza gobernante non pode tomar posturas que lle fagan perder a súa propia posición. Quen pode dubidar do poder da OTAN, que hoxe simboliza non só o poderío militar senón tamén o financeiro, o político e o propagandístico na nosa esfera? Fondos de investimento norteamericanos, como BlackRock ou Vanguard, teñen máis capacidade económica que moitos Estados e son, por exemplo, os accionistas de referencia dalgúns dos principais bancos españois e de empresas de comunicación como Prisa.

Claro que non fai política quen de antemán se arreda ante os problemas. Nin tampouco é posíbel definirse sobre situacións futuras difíciles de prever. Por outra parte, a carón dos acontecementos externos que xogan en contra, tamén adoita habelos que xogan a favor.

En todo caso, e isto penso que vale para calquera situación complexa, unha organización progresista debe explicar sempre as posicións que toma ante as súas bases e ante a poboación xeral, dando conta pedagoxicamente do contexto no que se move. É o único modo de que esa poboación adquira conciencia dos problemas reais e axude a resolvelos. Facer concesións de costas ao pobo é case sempre a forma máis rápida de que gañe o adversario. E despois, por suposto, está a audacia da propia organización, sempre necesaria á par do realismo, así como a intuición dos seus líderes. O atractivo da política encóntrase na súa variabilidade e na súa dependencia de múltiples factores.

Por último, todo parece mostrarnos que imos a un mundo multipolar e creo que o nacionalismo galego sairá beneficiado desa multipolaridade. Non estamos ante unha nova guerra fría, senón ante o conflito entre os que marcan o diktat, desde os anos noventa, e os procesos de soberanía a distintos niveis. Cómpre máis ONU e menos dólar.

Comentarios