Os bombardeos ucraínos recruécense sobre a cidade de Donetsk, no Donbás

A UE aproba novas sancións a Rusia como resposta á "mobilización parcial" anunciada por Putin.
Un militar onte, momentos despois do ataque en Donetsk por parte das forzas armadas ucraínas (Foto: Bruno Carvalho).
photo_camera Un militar onte, momentos despois do ataque en Donetsk por parte das forzas armadas ucraínas (Foto: Bruno Carvalho).

As forzas armadas ucraínas lanzaron esta quinta feira varios ataques con bombas en Donetsk -capital da República do Donetsk, no Donbás- que deixou un total de sete civís falecidos e, polo menos, seis feridos, segundo informaron as autoridades locais. As bombas alcanzaron un bus, matando as persoas que se encontraban dentro del. O primeiro bombardeo e máis forte aconteceu en Krytyi, unha zona céntrica que se encontra entre un mercado e unha igrexa.

De "bombardeo masivo". Así cualificou o alcalde da cidade de Doentsk, Alexéi Kulemzin, o ataque perpetrado polas forzas armadas ucraínas. De acordo coas autoridades locais, o exército de Ucraína utilizou artillaría pesada de calibre de 155 milímetros que acabou por matar só civís. Tamén comunicou o acontecido onte o corresponsal de Nós Diario no Donbás, o xornalista portugués, Bruno Amaral de Carvalho que asegurou que "un autobús está destruído con dous cadáveres no interior e outros tres na rúa. Un dos feridos acabou por falecer".

"O de hoxe supón mais un ataque de artillaría pesada ucraína contra áreas residenciais e comerciais sen posicións militares concretas", sinala Bruno Carvalho a este xornal, o que fai que "comece a ser moi difícil de crer que non é algo intencional".Mais o de Donetsk non foi o único bombardeo do día, xa que na tarde de onte, Bruno Carvalho comunicou outro ataque no barrio de Kievsky que mataba outra civil, aumentando o número de vítimas mortais do día a sete.

Máis sancións da UE a Rusia

Os ministros de Exteriores da Unión Europea (UE) acordaron preparar un novo paquete de sancións que concretarán e anunciarán "o antes posíbel", segundo manifestou o xefe da diplomacia europea, Josep Borrell. Porén, Borrell si indicou que as sancións afectarán novos sectores da economía rusa, "incluído o tecnolóxico". 

Para alén diso, os titulares de Exteriores dos Vinte e sete comprometéronse a "continuar a facilitar armamento militar a Ucraína durante o tempo que fixer falta". "Está claro que Putin está a tratar de destruír Ucraína, está a tratar de destruír todo o país por distintos medios", indicou Borrell ao tempo que aseverou que "isto non vai romper a nosa unidade para respaldar Ucraína nin o noso apoio á defensa da integridade territorial do país". Precisamente a UE volveu pronunciarse sobre a "mobilización parcial" de reservistas rusos que anunciou Putin na cuarta feira. A UE aplaudiu a "coraxe" dos cidadáns rusos que protestan nas rúas contra a mobilización parcial anunciada ou que "foxen do país para non ser chamados a filas" en voz do portavoz de Exteriores dos Vinte e sete, Peter Stano. 

Non obstante, esas declaracións de Stano foron tachadas de "hipócritas" polas autoridades rusas, xa que actualmente os países da UE manteñen fechadas as fronteiras con Rusia, despois de acordar hai unhas semanas pór máis trabas aos visados a cidadáns rusos e de que os países bálticos fosen aínda máis alá para impor un control máis estrito das súas fronteiras terrestres.

Preguntada sobre este tema, a portavoz de Interior da Comisión Europea, Anitta Hipper, subliñou que o control de fronteiras é competencia dos Estados, a pesar de asegurar que se revela "esencial" ter un enfoque común dos Vinte e sete neste asunto.

Intercambio de prisioneiros

Neste contexto, Rusia e Ucraína acordaron tamén na madrugada da quinta feira o intercambio de 215 persoas apresadas polas autoridades moscovitas e 55 polas ucraínas, entre eles, Viktor Medvedchuk. Cualificado na prensa como "oligarca prorruso", Medvedchuk é un dos líderes da oposición ucraína como dirixente do partido Plataforma de Oposición-Pola Vida. Medvedchuk levaba na cadea desde o pasado día 12 de abril acusado de ser prorruso.

De entre os 215 prisioneiros postos en liberdade por Moscova, 108 pertencían ao Batallón Azov, coñecido por ser unha milicia de ideoloxía próxima ao nazi-fascismo, 10 eran voluntarios estranxeiros, mentres que o resto pertencían a outras formacións da Garda Nacional de Ucraína, así como militares. Así o anunciou o xefe da oficina presidencial ucraína, Andriy Yermak, nun comunicado en que tamén manifestaba que Medvedchuk "é un traidor á patria cuxa culpabilidade está completamente rexistrada".

Comentarios