Putin decreta unha mobilización militar parcial da poboación

Serán chamados a filas uns 300.000 reservistas.
Vladimir Putin, na súa intervención televisada desta segunda feira (Foto: Aleksey Nikolskyi / Sputnik).
photo_camera Vladimir Putin, presidente da Federación Rusa. (Foto: Aleksey Nikolskyi / Sputnik)

O presidente da Federación Rusa, Vladímir Putin, anunciou a primeira hora desta cuarta feira unha mobilización militar "parcial" da poboación para contrarrestar a ofensiva protagonizada polas tropas ucraínas nas últimas datas.

"A liberación de todo o territorio do Donbass segue a ser o obxectivo inamovíbel da operación militar", dixo, nunha mensaxe dirixida á nación na que instou a "defender a patria, a súa soberanía e a integridade territorial".

As campañas de mobilización comezarán esta mesma cuarta feira e, segundo apuntou Putin, só serán chamadas a prestar o servizo militar aquelas persoas que estean xa na reserva, servisen nas Forzas Armadas e teñan "competencias e experiencia relevantes". Serán arredor de 300.000 efectivos, precisou o ministro de Defensa, Sergéi Shoigu.

Os reservistas recibirán un adestramento especial antes de desprazarse a territorio ucraíno e contarán co status e os pagamentos aos que teñen dereito os militares profesionais, dixo.

Horas antes, a Duma estatal rusa aprobou unha serie de emendas ao Código Penal para endurecer as penas de prisión por actos cometidos na guerra como a rendición, a deserción ou os saqueos, un texto que inclúe os conceptos de "mobilización", "lei marcial" e "período de guerra".

Referendos no Donbass

Esta mesma terza feira as autoridades das autoproclamadas repúblicas de Donetsk e Lugansk, na rexión do Donbass, convocaron senllos referendos populares de adhesión á Federación Rusa entre o 23 e o 27 de setembro, logo de que os seus respectivos parlamentos avogasen por dar este paso na segunda feira.

"Faremos o posíbel para dar as condicións de seguridade para que se organicen os referendos e a poboación exprese a súa vontade. Apoiaremos a decisión sobre o seu futuro", asegurou Putin.

Estas citas electorais, porén, non son recoñecidas como válidas polo Goberno ucraíno nin por boa parte da comunidade internacional, que recea da "falta de garantías" do procedemento.

Comentarios