A UE quere fixar o prezo do gas ruso e pór límites aos beneficios das eléctricas

Putin adianta que a eurozona podería quedar sen subministración de gas após oficializar a Comisión Europea que trata de impor un tope aos prezos do gas natural procedente de Rusia.
A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, na xuntanza co resto dos integrantes do organismo, esta cuarta feira. (Foto: Dati Bendo / European Commission / d / DPA)
photo_camera A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, na xuntanza co resto dos integrantes do organismo, esta cuarta feira. (Foto: Dati Bendo / European Commission / d / DPA)

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, presentou onte as propostas do Executivo comunitario para enfrontar a crise enerxética que está a padecer o bloque, e que implicou un aumento xeral dos prezos, chegando a facer insostíbel a produción nas industrias cun maior consumo, amais dos efectos sociais.

Para von der Leyen, esta “situación extraordinaria” débese a que “Rusia non é un provedor digno de confianza e manipula os mercados enerxéticos”, polo que os ministros responsábeis do ámbito da enerxía dos Estados membros deberán tomar varias decisións na xuntanza prevista para mañá.

Unha das medidas principais que recomendarán é limitar o prezo ao que as empresas poderán comprar o gas ruso, tratando de convencer outros países de que se sumen a este tope, poucos días despois de que o G-7 tomara a mesma decisión.

Tamén procuran estabelecer un imposto aos beneficios extraordinarios das empresas eléctricas, que se aplicaría ás enerxías de menor custo de produción -como as renovábeis-, que se están a ver beneficiadas do sistema de fixación de prezos da Unión Europea (UE), denominado marxinalista, e no que a oferta máis cara marca o prezo. Asemade, “proporemos unha contribución solidaria” ás compañías de petróleo e gas que grave as “súas ganancias masivas”. Segundo a presidenta da Comisión estes beneficios serían “para axudar as persoas e empresas vulnerábeis a adaptarse”.

Con respecto aos plans de aforro enerxético, asegurou que é necesario superar o obxectivo fixado antes do verán (unha redución de 15% no consumo, 7% nos Estados con maior almacenamento), e solicitou implementar “un obxectivo obrigatorio para diminuír o uso de electricidade nas horas pico”.

Ademais, incidiu en que é preciso un fondo de apoio á liquidez para que as empresas encargadas dos servizos públicos de enerxía “fagan fronte á volatilidade nos mercados”.

Gasoduto Nord Stream 2

O mandatario ruso, Vladimir Putin, reiterou nun foro económico en Vladivostok que non están a utilizar o gas como arma enerxética, facendo fincapé en que os problemas do Nord Stream 1 -gasoduto que une Rusia con Alemaña e cuxa subministración esta parada nos últimos días- son resultado das sancións aplicadas pola Unión Europea, o que impide o seu correcto mantemento, polo que se comprometeu a reactivar o bombeo se fican anuladas as sancións neste ámbito.

A outra opción, defendeu, sería abrir o Nord Stream 2, que fora bloqueado por Berlín cando estaba listo para ser inaugurado, subliñando que a UE “meteuse nunha rúa sen saída” con sancións “baixo presión dos Estados Unidos”, por mor de que “queren vender o seu [gas natural] a un prezo tres veces maior”, ao ser transportado en barco.

No que atinxe ao límite no prezo do gas ruso, Putin asegurou que “non subministrará nada se contradí os nosos intereses económicos”, e advertiu que a “demanda de enerxía é cada vez maior”,  acusando a UE de perder a vantaxe competitiva que lle ofrecía o gas ruso cando era un cliente "premium", e da que agora se estarían a beneficiar países como a China ou India.

Menos gas natural por gasoduto, máis por vía marítima

Von der Leyen salientou que desde a entrada de Rusia no conflito en Ucraína o bloque comunitario diminuíu as súas importacións de gas ruso por canalizacións, de 40% a 9% do total, instando a “recortar os ingresos que Putin utiliza para financiar esta guerra atroz contra Ucraína”.

Porén, algúns membros incrementaron as súas compras, como é o caso do Estado español, que foi en xullo e agosto o principal comprador mundial de gas natural licuado procedente de Rusia -por vía marítima-, pagando 750 millóns de euros para usalo sobre todo na xeración de electricidade, sinala o Centro de investigación de enerxía e aire limpos. Nese sentido, a entidade cifra en 158.000 millóns de euros os ingresos de Moscova pola venda de materias primas entre marzo e agosto, 35.000 millóns de euros correspondentes ao gas.

Comentarios