Barbados destitúe a raíña Elizabeth II e xa é a república máis nova do mundo

Case catro séculos pasaron desde a conquista, mais a flamante República de Barbados foi quen de acabar coa época colonial e abre o camiño ao resto de territorios que aínda son monarquías.
A presidenta de Barbados, Sandra Mason (segunda pola dereita), durante a cerimonia de proclamación da república. (Foto: Jonathan Brady / PA Wire / dpa)
photo_camera A presidenta de Barbados, Sandra Mason (segunda pola dereita), durante a cerimonia de proclamación da república. (Foto: Jonathan Brady / PA Wire / dpa)

Exactamente 55 anos despois de proclamar a súa independencia de Gran Bretaña, esta terza feira a illa caribeña de Barbados converteuse nunha república, tras destituír a raíña Elizabeth II como xefa de Estado, e substituíla por Sandra Mason, primeira presidenta do país.

Pouco antes da chegada da hora que marcaba a fin definitiva da presenza británica no territorio que colonizaran en 1625, hai case catro séculos, comezou en Bridgetown -a capital- unha multitudinaria celebración para que Mason tomara posesión do cargo “e deixar atrás o noso pasado colonial”, salientou na súa primeira intervención.

A mandataria, elixida o mes pasado polo Parlamento barbadés após desempeñarse desde 2018 como gobernadora xeral, sinalou que nesta nova etapa, “poñemos os nosos barcos coa proa cara á nova república. Facemos isto para poder apoderarnos de toda a substancia da nosa soberanía”, recolleu Barbados Today

Repudio á escravitude

Á cerimonia foi convidado o herdeiro ao trono do Reino Unido, Carlos, que desexou á nova república “felicidade, paz e prosperidade no futuro”, ao tempo que recoñeceu a “espantosa atrocidade da escravitude”, que “mancha para sempre a historia” conxunta entre ámbolos dous países.

Durante dous séculos da era colonial, Barbados foi o centro británico para a trata transatlántica de escravos, ademais, coas persoas procedentes de África levadas á forza impulsouse a plantación de cana de azucre. A escravitude foi abolida no Reino Unido en 1834.

Poucos minutos antes da medianoite, foi arriada a Royal Standard, a bandeira da monarquía, e entre fogos de artificio en todo o territorio, a nova xefa de Estado tomou xuramento de lealdade a Barbados aos principais cargos do país, entre eles, á primeira ministra, Mia Mottley.

Durante o evento, anunciouse que a cantante Rihanna, á cidadá barbadesa máis coñecida no eido internacional, será nomeada como heroína nacional, tres anos despois de recibir o título de embaixadora extraordinaria e plenipotenciaria.

Porén, aínda que os medios de comunicación do país destacan a vontade maioritaria das e dos arredor de 285.000 habitantes de Barbados de superar a fase da monarquía, cuestiónase o método utilizado -un acordo parlamentar hai un ano-, criticando que non se fixera un referendo para ratificar o cambio na Constitución, refire o editorial de The Barbados Advocate.

No que atinxe ás implicacións para Gran Bretaña, a correspondente da BBC, Daniela Relph, sinalou que “non poden deter un cambio constitucional, pero poden intentar garantir que se manteñan as relacións positivas”.

Facía case tres décadas que un país non renunciaba á xefatura de Estado da raíña de Inglaterra, o último foi Mauricio en 1992. Dominica fixo o mesmo en 1978 e Trinidad e Tobago en 1976.

A renuncia ao reinado de Elizabeth II non implica a saída de Barbados da Mancomunidade de Nacións, unha organización internacional composta por 54 territorios que foron colonias británicas, a excepción de Mozambique e Ruanda.

Impulso republicano

Até 13 Estados se manteñen como unha monarquía parlamentar após independizarse do Reino Unido, entre eles Australia, o Canadá, Xamaica ou Nova Zelandia.

A decisión de Barbados pode acelerar o proceso de renuncia á monarquía nalgún destes países, en concreto, Australia e Xamaica, onde este debate continúa presente na sociedade e entre as forzas políticas.

No territorio oceánico, o Partido Laborista e parte do Partido Liberal están a favor da creación dunha república, un anhelo freado en 1999 cun referendo no que a permanencia da monarquía se impuxo por 9 puntos.

Mentres, en Xamaica, as principais forzas políticas concordan neste paso, que tomou un novo impulso en 2020 mais que aínda non se traduciu nunha política concreta, ao exixir as leis insulares que se produza unha consulta para aprobar un cambio constitucional.

Comentarios