O Brexit incendia Irlanda do Norte

A sensación de traizón no acordo do Brexit, e un funeral político en tempos de pandemia como detonante, están a provocar "a peor violencia en anos" en Irlanda do Norte. Os lealistas –a versión máis radical do unionismo desde os Troubles– encirrou a mocidade a uns disturbios aos que desde a cuarta feira tamén se uniron polo bando republicano.
EuropaPress_3637164_09_april_2021_united_kingdom_belfast_cleanup_operation_underway_at_the
photo_camera Un operario realiza labores de limpeza no "muro da paz" que separa comunidades no oeste de Belfast (Rebecca Black / PA Wire)

Hai cen anos Irlanda independizábase do Reino Unido. Hai cen anos partíase Irlanda. Seis dos nove condados da provincia do Ulster non se unían ao acabado de nacer Estado Irlandés Libre ─precedente da actual República de Irlanda─ e mantíñanse como territorio baixo soberanía británica. Territorio que acollía e acolle cidadáns partidarios desa configuración ─chamados na altura indistintamente unionistas e lealistas─ e cidadáns partidarios da unidade irlandesa ─os nacionalistas ou republicanos─.

O enfrontamento entre esas dúas comunidades ─a primeira maioritariamente protestante, a segunda maioritariamente católica─ foi constante durante este tempo, mais intensificouse de maneira dramática a partir da década de 1960. A campaña para acabar coa discriminación contra a minoría nacionalista irlandesa polo Goberno unionista de Irlanda do Norte foi fortemente reprimida. Era o comezo do que eufemisticamente se deu en chamar "The Troubles" ("Os problemas"). O Reino Unido despregou o Exército e construíronse os "muros da paz" para separar as veciñanzas "católicas" e as "protestantes" en cidades como Belfast ou Derry.

Un deses "muros da paz", o situado no oeste de Belfast, é o principal escenario da batalla que se está a vivir na última semana entre membros das dúas comunidades, a maioría mozos e menores. Os disturbios, que comezaron hai unha semana nos barrios protestantes de varias cidades coa mira posta no Servizo de Policía de Irlanda do Norte (PSNI, nas siglas en inglés), tornáronse sectarios como a finais do século pasado. 

O Acordo de paz de Venres Santo (1998) fechou unha fonda ferida dunhas 3.600 mortes. Dúas décadas despois dun lento cicatrizar, volve supurar tras o Brexit arrincar a incipiente carapola. 

Mozos, carne de canón

Na noite da quinta á sexta feira, o PSNI sacou ás rúas camións con canóns de auga, usados contra os concentrados na zona nacionalista da avenida Springfield, que une as dúas comunidades. Houbo lanzamento de bombas incendiarias, ladrillos e foguetes caseiros contra os axentes e tamén entre bandos a un e outro lado do muro, informou o Belfast Telegraph. Na véspera, un fotógrafo deste xornal historicamente unionista foi atacado e un bus secuestrado e incendiado.

Máis de 70 membros do PSNI resultaron feridos no transcurso do que cualificaron "a peor violencia en anos". As autoridades cren que detrás están grupos paramilitares ilegais que incitan a xente nova a participar nos disturbios, recolleu a BBC. "Cada vez hai máis probas de que veteranos dirixentes en organizacións como a Asociación en Defensa do Ulster (UDA) e a Forza Voluntaria do Ulster (UVF) están permitindo que se produzan os altercados", apuntou a radiotelevisión pública británica citando fontes policiais. 

Esta especie de vinganza viría como resposta a unha serie de recentes operativos na localidade protestante de Carrickfergus.

Fronteiras duras

Porén, o Consello de Comunidades de Lealistas (LCC) ─organización que representa a UDA, a UVF e o Comando Man Vermella (RHC)─ emitiu onte un comunicado, recollido por The Irish Times, onde negan calquera vinculación "nin directa nin indirecta" cos disturbios. E salientan o "espectacular fallo colectivo" para entender a carraxe unionista en Irlanda do Norte.

Esa carraxe nace do que consideran traizón por parte do Goberno británico na negociación do Brexit. Exixen unha renegociación do Protocolo para Irlanda do Norte e que se cumpra coa promesa de que "non houbese unha fronteira dura entre Irlanda do Norte e o resto do Reino Unido, nin fronteira dura nesta illa". 

O LCC xa anunciara o pasado 4 de marzo que retiraba o seu apoio ao Acordo de Venres Santo co fin de presionar neste sentido.

Nas complicadas negociacións para a saída da UE acordouse que non houbese unha 'fronteira dura' entre Irlanda do Norte ─territorio legalmente británico─ e a República de Irlanda ─Estado soberano da UE─. Isto significa que, Irlanda do Norte seguirá a facer parte do mercado comunitario no que ao comercio de bens se refire. 

Polo tanto, os produtos que chegan desde Gran Bretaña a través do mar de Irlanda (dentro do Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte) teñen que superar os procedementos de importación estabelecidos pola UE, en especial a respecto de cuestións sanitarias. 

Londres acusa a Bruxelas de mirar máis polos intereses dos norteirlandeses que miran cara a Dublín que polos que o fan cara a Londres. Ademais, o Goberno de Boris Johnson sinalou a UE como culpábel de enervar aínda máis os ánimos dos unionistas cando a principios de ano estivo a piques de anular o Protocolo implantando controis para a entrada de vacinas en Irlanda do Norte.

Abandono político

Na práctica, os norteirlandeses perciben en certos aspectos que son foráneos no seu país. É dicir, doe especialmente entre os unionistas ser considerados cidadáns de segunda no Reino Unido, unha moeda de troco. Abandono político que senten desde Londres, máis aínda cando as previsións demográficas apuntan a que en poucos anos ─se non xa─ a comunidade católica será maioritaria.

Cómpre lembrar que o Acordo de Venres Santo estabelece que o Goberno do Reino Unido pode convocar un referendo de reunificación irlandesa se considera que hai unha maioría da poboación da rexión que desexa abandonar a Unión e unirse á República de Irlanda.

O detonante: un funeral impune

O Goberno conxunto ─e obrigado─ de Irlanda do Norte,  e os primeiros ministros de Irlanda e do Reino Unido ─depositarios do Acordo de Venres Santo─ fixeron chamamentos á calma. Tamén desde o Goberno dos EUA díxose que a paz non pode ser "unha vítima" do Brexit.

O Partido Unionista Democrático (DUP), no Goberno norteirlandés, vinculou os disturbios coa decisión das autoridades de non presentar cargos contra os membros do Sinn Féin ─a outra póla do Executivo─ nin contra ningún dos 2.000 participantes no funeral do republicano ─e ex membro do IRA─ Bobby Storey, saltándose as restricións contra a Covid. Entre os asistentes estaba  a viceprimeira ministra, a nacionalista Michelle O'Neill.

A presidenta do Sinn Féin, Mary Lou McDonald, advertiu onte de que se venta unha fin de semana "moi difícil", ante a posibilidade de que a violencia se estenda pola provincia.

Comentarios