Últimos meses para a raíña de Xamaica

Os dous principais partidos xamaicanos, ambos republicanos, levan anos prometendo un referendo sobre a continuidade da raíña Isabel II como xefa do Estado, mais nunca acabou por se concretar. Agora, de cara ás eleccións xerais do 3 de setembro, o actual líder da oposición comprometeuse cunha data en firme.
jamaica_queen_royaluk
photo_camera A raíña Isabel II visitou Xamaica por última vez en febreiro de 2002. Antes fixérao en marzo de 1994 (royal.uk)

"Amo a raíña, é unha dama fermosa; e ademais de ser unha dama fermosa é unha dama intelixente e marabillosa. Mais penso que os tempos son chegados". A ex primeira ministra de Xamaica Portia Simpson-Miller, durante o acto da súa toma de posesión en 2012, anunciaba que ese ano ─coincidindo co 50º aniversario da independencia do Reino Unido─ sería un bo momento para organizar un referendo sobre a continuidade de Isabel II ─oficialmente, raíña de Xamaica─ como a xefa de Estado. Ese referendo, porén, nunca aconteceu.

Simpson-Miller, líder do Partido Nacional do Pobo (PNP, socialdemócrata), foi substituída tras as eleccións xerais de 2016 por Andrew Holness, do Partido Laborista de Xamaica (JLP, na siglas en inglés, de centrodereita). Holness, o primeiro xefe de Goberno xamaicano nacido logo da independencia de 1962, chegou ao Executivo coa intención de transitar cara a un sistema republicano como unha das súas principais prioridades. Mais nestes últimos catro anos, o referendo tampouco aconteceu. 

Agora, a tan só dúas semanas dunha nova cita electoral ─esta terza feira, 18 de agosto, é o Día da Designación de Candidatos de cara á data sinalada do 3 de setembro─, a cuestión de monarquía ou república volve estar sobre a mesa. 

O Parlamento bicameral xamaicano elíxese cada cinco anos. As eleccións xerais debían organizarse entre febreiro e xuño do ano que vén, mais Holness decidiunas adiantar dadas as boas expectativas actuais do seu partido fronte ao PNP e o medo a que os casos da Covid-19 medren durante os meses de outono e inverno erosionando así o seu capital político. 

O JLP e o PNP son as principais formacións do sistema bipartidista xamaicano. As dúas coinciden na cuestión republicana, mais a necesidade de facer emendas na Constitución, que deben ser aprobadas previamente pola cidadanía en referendo, foron adiando o proceso de cortar definitivamente os lazos coa ex colonia. Por outra banda, a pesar do estendido sentimento republicano no país, a actual raíña Isabel II ─que exerce o seu poder a través do gobernador xeral de Xamaica─ goza dunha gran popularidade entre boa parte da poboación. 

Non obstante, a promesa do presidente do PNP e actual líder da oposición, Peter Phillips, de organizar un referendo pola república dentro dos 18 meses posteriores a asumir o cargo puxo en pé o auditorio da universidade en que fixo o anuncio. Foi a semana pasada ─recolle o xornal The Gleaner─ no campus de Mona da Universidade das Indias Occidentais durante a presentación dos 63 candidatos á Cámara baixa do Parlamento. 

Macroeconomía e cohesión social

En 2016, o JLP venceu por un axustado 32 a 31. Phillips quere virar as tornas con esta e outras medidas enfocadas ao ámbito da educación e da saúde. Así, prometeu "acabar co apartheid no sistema educativo facendo a educación de calidade universal e accesíbel economicamente para todas as crianzas, anovando escolas e mellorando as condicións do profesorado"; e "dar acceso gratis ou economicamente accesíbel a un sistema sanitario universal".

Pola súa banda, o JLP de Andrew Holness busca un novo mandato en base aos datos macroeconómicos. Segundo un informe do Banco Mundial publicado en abril, a débeda pública xamaicana caeu por baixo do 100% do Produto Interior Bruto (PIB) e "agárdase que descenda por baixo de 60% para 2025-26".

Ademais, salienta que o desemprego "caeu ao mínimo histórico de 7,2% en outubro de 2019", aínda que sinala que cómpre "un crecemento económico maior e máis resiliente para eliminar a pobreza e compartir a prosperidade". Tamén, recolle que "os niveis de crime e de violencia permanecen altos, o que remarca a necesidade de abordar as cuestións do desemprego xuvenil, da educación e da cohesión social".

O Instituto de Planificación de Xamaica, informa Jamaica Observer, calcula ademais que a economía podería contraerse este ano até 14%. Outra razón que se apunta como causa do adianto electoral por parte de Holness.

Estes temas marcarán as eleccións, así como a pandemia. Xamaica, cunha poboación de tres millóns de habitantes, contabiliza 1.113 casos de coronavirus e 14 mortes. Holness contrapón  a súa xestión á do anterior Executivo cando en 2014 o país sufriu un gromo de chikungunya. Daquela na oposición, foi crítico coas medidas adoptadas para evitar, sen éxito, a epidemia. 

16 países do mundo comparten a actual raíña de Inglaterra, Isabel II, como a xefa do Estado

A raíña Isabel II é a xefa de Estado en 16 países do mundo. Malia compartiren monarca, cada reino é independente e legalmente distinto. Son os chamados Reinos da Mancomunidade ou Commonwealth realms, en inglés. Así, oficialmente fálase, por exemplo, da Monarquía de Xamaica ou da raíña de Nova Zelandia. Son Estados que gañaron a súa independencia do Reino Unido en diferentes datas, mais que optaron por permaneceren como monarquías parlamentarias. Entre os máis populosos están o Canadá (1867) e Australia (1901). Outros Estados membros da Commonwealth, como Suráfrica ou a India, tamén foron reinos da Mancomunidade no pasado mais actualmente son repúblicas. 

A maioría de Reinos da Comunidade están no Caribe. Paradoxalmente, malia seren países que sufriron a escravitude fomentada polo Imperio británico e os seus rexentes, a simpatía pola Coroa permaneceu alta até que na década de 1960 os movementos anticoloniais, antirracistas e panafricanos como o rastafarismo comezaron a callar na sociedade.

Comentarios