A nación córnica esperta do seu sono

Primeira marcha soberanista, este sábado, convocada por AUOB Cornualles.
kernow_house_crisis
photo_camera Protesta en Austol, o pasado 8 de agosto, contra a turistificación. "Unha casa e para sempre, non só para agosto", lese no cartel (Foto: AUOB Cornualles)

"Cremos que todos os pobos celtas teñen dereito a autodeterminación". É o que pregoa o colectivo AUOB Kernow, que convocou para hoxe a primeira manifestación soberanista en Cornualles, o territorio baixo soberanía británica que actualmente apenas ten o status de rexión dentro de Inglaterra.

AUOB son as siglas de All Under One Banner ("Todos baixo a mesma bandeira"), réplica doutros colectivos da Gran Bretaña como AUOB Escocia e AUOB Gales. Cun obxectivo claro e común: a disolución do Reino Unido, a consecución da independencia para as súas nacións e a transformación en Estados soberanos cunha clara visión europeísta.  

A "Marcha por Cornualles" está convocada para as 12 horas no Parque do Cemiterio de Austol e partirá unha hora despois percorrendo as rúas da vila. 

AUOB Cornualles, "formado para actuar de catalizador dun maior debate sobre o futuro de Cornualles a todos os niveis", considera que "o noso histórico dereito á autodeterminación é crucial para revitalizar a democracia e permitir así que a xente do común trate importantes cuestións culturais, sociais e económicas que afrontamos a diario", apuntan en Facebook.

Ao igual que en Escocia ou Gales, cren que estas mobilizacións non partidistas permitirán aumentar o apoio ao soberanismo. Para Cornualles, na práctica, o fin primeiro é lograr a transferencia de competencias e un Parlamento e Goberno propios, cunha autonomía equivalente á que gozan galeses e escoceses (a devolution, na xerga legal británica). 

Turistificación

Un dos principais problemas que sofre este territorio é a turistificación, que precariza a economía e o mercado laboral e fai que o prezo dos alugueiros e doutros bens de consumo se disparen. Un andazo común a outras nacións minorizadas de Europa, como a Bretaña ou a Galiza.

Esta situación mesmo levou a líder do Consello de Cornualles  a membro do Partido Conservador británico Linda Taylor, a anunciar que traballaría por atinxir maiores competencias co fin de combater a crise das segundas vivendas. O Consello de Cornualles ou Konsel Kernow ten na actualidade competencias moi limitadas, restrinxidas a cuestións de mobilidade e reparto de fondos. 

Lingua minorizada... e silenciada

"Unha vez máis, Cornualles é a nación invisíbel do Reino Unido", comentaba en Twitter Dick Cole, líder do principal partido nacionalista córnico, o Mebyon Kernow. Facía referencia ao veto de Londres á participación de Cornualles nunha cimeira sobre linguas minorizadas no marco do Consello Británico-Irlandés. Esta institución, que se reúne un mínimo de dúas veces ao ano e que foi instaurada tras o Acordo de Venres Santo, inclúe representantes dos Gobernos de Irlanda e do Reino Unido, así como dos de Irlanda do Norte, Escocia, Guernsey, Illa de Man e Jersey. O seu obxectivo é facilitar as relacións e a cooperación entre as entidades políticas das illas británicas. Cornualles conta con status de observador pola súa lingua, o kernewek, extinta a finais do século XVIII mais que actualmente vive un pequeno rexurdimento. Porén, oficialmente ─ao igual que o conxunto de Inglaterra─ está representado polo Goberno británico. Foi o primeiro ministro galés, Mark Drakeford, quen propuxo o convite a Cornualles. En sesión parlamentaria, a preguntas do Plaid Cymru, confesou que Londres "non estaba en absoluto polo labor de que sucedese". 

Comentarios