Axuda militar, mais non política, dos líderes da UE ao Goberno de Ucraína

O Consello Europeo dobra con 500 millóns o envío de armas, mais rexeita a adhesión rápida.
EuropaPress_4307280_11_march_2022_france_versailles_heads_of_states_and_governments_of_the_eu
photo_camera Momentos previos ao inicio da sesión de onte do Consello Europeo, que se desenvolveu no Palacio de Versalles, perto de París (Foto: Kay Nietfeld / dpa)

A UE decidiu duplicar o financiamento para o envío de armas a Ucraína con 500 millóns de euros, alcanzando un total de 1.000 millóns destinados á defensa da soberanía ucraína ante a invasión do Exército ruso. Así se acordou esta sexta feira no Consello Europeo, a reunión dos xefes de Estado e de Goberno dos 27, desenvolvida en Versalles. 

Foi o xefe da diplomacia comunitaria, Josep Borrell, quen realizou a proposta. Segundo explicou, este volume de diñeiro sairía do Fondo Europeo de Apoio á Paz, un instrumento financeiro dotado cuns 5.000 millóns de euros achegados polos Estados membros que non fai parte do orzamento común.

Ademais, houbo un compromiso para aumentar "de forma substancial" o gasto militar nos respectivos orzamentos estatais para facer fronte á ameaza que supón para a seguridade Europea a agresión de Rusia. Para dar resposta ás circunstancias derivadas do "cambio tectónico" ─tal e como recolle o esbozo da declaración final─ causado pola guerra. O primeiro ministro belga, Alexander De Croo, resumiuno sinalando que coa ofensiva sobre Ucraína Europa perdera a súa "inocencia".

Na cimeira, de carácter informal (é dicir, serve para fixar prioridades, mais non decisións en firme), o Consello volveu advertir a Putin de que se arrisca a ser xulgado por crimes de guerra dentro da agresión "non provocada e inxustificada" contra Ucraína, que supón "unha violación flagrante do dereito internacional e dos principios da Carta de Nacións Unidas".

Neste sentido, celebrouse a decisión do fiscal do Tribunal Penal Internacional de abrir unha investigación sobre unha guerra da que Rusia ten "a enteira responsabilidade" coa "complicidade de Belarús". Así, exíxeselle a Moscova a retirada inmediata e total das tropas invasoras e o respecto á integridade territorial e á soberanía de Ucraína.

Ingreso de Ucraína na UE

Sobre o seu ingreso na UE pola vía rápida, unha petición do Goberno ucraíno, o Consello limitouse a "tomar nota" e a deixar en mans da Comisión a análise desta posibilidade, "sen prazos" fixos. O compromiso dos 27 ficou en axudar a Ucraína a "progresar na súa traxectoria europea" e en enunciar que "fai parte da nosa familia europea".

Mentres, a ofensiva rusa continuou esta sexta feira con novos bombardeos a Lutsk, Ivano-Frankivsk e, por primeira vez, a Dnipro, situada na ribeira do río Dniéper, na zona centro-oriental do país. Ademais, a artillaría rusa ten a capital Kíiv rodeada.

De acordo cos datos recompilados pola axencia de dereitos humanos da ONU (Acnudh), o número confirmado de civís desde o inicio da invasión é xa de 564, incluídos 41 menores, mais a cifra sería "moito maior". "Os civís están a morrer e a ser mutilados no que semellan ser ataques indiscriminados, coas forzas rusas usando artefactos explosivos de amplo alcance en ou perto de áreas poboadas [...] Isto inclúe mísiles, proxectís e foguetes de artillaría pesada, así como bombardeos aéreos", sinalou Acnudh.

Por outra parte, a BBC e outros medios internacionais, citando fontes oficiais, informaron de que fora abatido o terceiro xeneral ruso dos 20 que están a liderar a ofensiva sobre o terreo.

A respecto das negociacións, Putin asegurou esta sexta feira que as últimas conversas con Ucraína parecen arroxar resultados "positivos" para lograr o cese das hostilidades. Horas antes, a Presidencia ucraína afirmara que Kíiv está aberto á posibilidade de aceptar a "neutralidade" se hai "garantías de seguridade" fronte a Rusia como parte dun acordo para pór fin á invasión.

Ademais, a petición de Rusia, decorreu unha reunión do Consello de Seguridade da ONU, onde o representante do Kremlin, Vasili Nebenzia, acusou os EUA de "financiar activamente proxectos de bioloxía en Ucraína". Afirmou que "unha rede de 30 laboratorios biolóxicos estivo traballando para amplificar as propiedades patóxenas de enfermidades mortais. O Alto Representante para Asuntos de Desarme, Izumi Nakamitsu, dixo que Rusia non presentou proba ningunha sobre o tema.

Novas sancións

Os EUA anunciaron esta sexta feira a prohibición da importación dunha serie de produtos rusos, desde cereais até diamantes, e os países do G7 estudan acordar que a Federación Rusa non poida obter financiamento de organismos como o Fondo Monetario Internacional ou do Banco Mundial.

Por outra parte, a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, avanzou que a UE aprobará hoxe un novo paquete de sancións contra Rusia.

Comentarios