Estas son as novas sancións a Rusia: "O mundo libre únese para loitar contra Putin", di Biden

Os EUA prohíben a importación dunha serie de produtos rusos, desde cereais até diamantes, e os países do G7 estudan acordar que a Federación Rusa non poida obter financiamento de organismos como o FMI ou o Banco Mundial.
O presidente dos EUA, Joe Biden, asinando o primeiro paquete de sancións contra Rusia, o pasado 21 de febreiro (Foto: Adam Schultz / Casa Branca).
photo_camera O presidente dos EUA, Joe Biden, asinando o primeiro paquete de sancións contra Rusia, o pasado 21 de febreiro (Foto: Adam Schultz / Casa Branca).

O presidente dos Estados Unidos de América (EUA), Joe Biden, prohibiu esta sexta feira a importación dunha serie de produtos rusos, como cereais, vodka, diamantes ou caviar, e restrinxiu as relacións comerciais con Moscova, como parte dun novo paquete de sancións en resposta á invasión de Ucraína.

Os EUA, dixeron desde o Goberno estadounidense, adoptan estas medidas "en coordinación" coa Unión Europea (UE) e os líderes dos países que conforman o G7: Canadá, Francia, Alemaña, Italia, Xapón e o Reino Unido, alén dos EUA e dous representantes da diplomacia europea, o presidentde do Consello, Charles Michel, e a da Comisión, Ursula von der Leyen.

En concreto, tal e como recolle a axencia Europa Press, Biden revogou o status de "nación máis favorecida" no plano comercial, unha decisión que negaría a Rusia os beneficios de pertencer á Organización Mundial do Comercio (OMC).

Aliás, a Casa Branca avanzou que os países do G7 teñen previsto acordar que Rusia non poida obter financiamento de institucións financeiras multilaterais, como o Fondo Monetario Internacional (FMI) ou o Banco Mundial (BM).

Noutra orde, os EUA impuxeron novas sancións contra "membros da elite rusa" e as súas familias, entre os que figuran executivos de bancos previamente incluídos nesta listaxe e membros da Duma que recoñeceron as autoproclamadas repúblicas populares de Donetsk e Lugansk.

"Temos que defender a democracia en Ucraína, temos que defender a agresión de Rusia; o mundo libre únese para loitar contra Putin", dixo Biden.

Con todo, o presidente estadounidense rexeitou pelexar nunha "guerra de Rusia contra Ucraína, xa que iso, sinalou, "podería derivar na terceira guerra mundial". Ao mesmo tempo, subliñou que o Goberno de Vladímir Putin "pagará un alto prezo se recorre a armas químicas", segundo informa a Agence France-Presse.

Comentarios