O Goberno español enviará novas armas a Ucraína, pero rexeita concretar de que tipo

A ministra Robles xustifica a falta de transparencias por "motivos de seguridade".
A ministra de Defensa, Margarita Robles, visitou Navantia, en Ferrol. (Foto: Europa Press)
photo_camera A ministra de Defensa, Margarita Robles, visitou Navantia, en Ferrol. (Foto: Europa Press)

A ministra de Defensa do Estado español, Margarita Robles, anunciou nesta quinta feira que o Goberno vai realizar "moi pronto" un novo envío de armamento a Ucraína durante unha visita a Ferrol, pero non quixo concretar de que tipo será ese novo cargamento.

A xefa do departamento militar non deu máis detalles sobre o tipo de armas nin a data exacta dese envío, pero reiterou que o Executivo estatal é "absolutamente solidario co pobo de Ucraína", queestá a desenvolver "unha resistencia heroica", engadiu.

En declaracións aos medios de comunicación, Robles explicou que este envío está en sintonía "co que están a facer outros países da Unión Europea (UE)" e lembrou que a petición de Ucraína está xustificada porque permite "exercer o dereito á lexítima defensa", a pesar que numerosos cargos do exército español dubidan da efectividade da entrega de armas á poboación civil sen ningún tipo de adestramento militar para enfrontarse a un exército organizado como o ruso.

Sobre a data de entrega do novo armamento, insistiu en que non pode dar máis detalles "por motivos de seguridade" e subliñou que "non son envíos fáciles porque hai outros países implicados" na recepción dos voos que transportarán o material e pola organización destas operacións. a realizar polo persoal da Forza Aérea.

Visita aos buques españois da OTAN

Ademais, Robles sinalou que visitará o vindeiro 18 de marzo os tres buques da Armada española despregados no Mediterráneo que realizan "tareas disuasorias para garantir a estabilidade e a paz" no Mediterráneo: a fragata Blas de Lezo e a barcos Meteoro e Sella.

A fragata Blas de Lezo partiu do Arsenal da Mariña en Ferrol, o que provocou numerosas críticas e discrepancias por parte do Bloque Nacionalista Galego (BNG), que exixe a non involucración do Estado español na guerra de Ucraína.

Sobre as discrepancias, mais as manifestadas por ministras de Unidas Podemos como Ione Belarra e Irene Montero, a ministra sinalou que na última Comisión de Defensa, a formación política manifestou "o seu total apoio á postura do Goberno".

Comentarios