Rusia e Ucraína reúnense sen avances sobre o cesar o fogo

A conversa diplomática que os ministros de Exteriores de Rusia e de Ucraína, Sergei Lavrov e Dmytro Kuleba, mantiveron onte non deu froitos substanciais acerca do estabelecemento dun cesamento do fogo ou dun corredor humanitario para a cidade portuaria de Mariupol.
Os ministros de Exteriores de Rusia (á esquerda) e de Ucrania (á dereita) reuníronse en Turquía (Foto: Goberno de Turquía).
photo_camera Os ministros de Exteriores de Rusia (á esquerda) e de Ucrania (á dereita) reuníronse en Turquía (Foto: Goberno de Turquía).

O ucraíno Kuleba informou tras a xuntanza de que procurara un cesamento dos combates durante 24 horas así como este paso seguro para evacuar a poboación civil da asediada urbe do Mar Negro, mais dixo que Lavrov rexeitara comprometerse a ningunha destas medidas. O ministro ruso, pola súa parte, manifestou que lle recordara a Kuleba as propostas presentadas por Moscova a Kíiv e que o obxectivo de Rusia era unha desmilitarización amigábel de Ucraína.

A reunión, de case unha hora e media de duración e que se desenvolveu na cidade de Antalya, no sur de Turquía, foi a primeira ao máis alto nivel desde que Rusia invadiu Ucraína o 24 de febreiro. Tanto Kuleba como o ministro turco de Exteriores, Mevlut Cavusoglu ─que propiciou e albergou o encontro─, sinalaron que non fora unha reunión cómoda.

"Fixen unha proposta simple ao ministro Lavrov: eu podo chamar os ministros ucraíno, as autoridades, o presidente, agora mesmo e ofrecerlle garantías de seguridade ao 100% para os corredores humanitarios", relatou Kuleba en conferencia de prensa. "Pregunteille 'Pode facer vostede o mesmo?' e non respondeu".

Nunha conferencia de prensa separada, Lavrov sostivo que non houbera negociacións sobre o cesamento do fogo, e que as conversas en Turquía non podían ser unha alternativa á "auténtica e principal vía diplomática", en referencia ás que se desenvolven en Belarús, país aliado de Moscova. "Non me sorprende que o señor Kuleba dixese que non fora posíbel acordar un cesamento do fogo. Aquí ninguén tiña a intención de acordar un cesamento do fogo", manifestou.

Ademais, a preguntas sobre a posibilidade de que se desate unha guerra nuclear, Lavrov dixo: "Non o quero crer, e non o creo". E engadiu: "Gostaría de chamar a atención sobre o feito de que (...) só os representantes occidentais, principalmente membros da OTAN, sacaron ese tema". "É alarmante que en Occidente, segundo Freud [Sigmund] se siga volvendo unha e outra vez a este asunto".

Hospital bombardeado

A reunión chegou poucas horas despois de que o hospital materno-infantil de Mariupol fose bombardeado, nun ataque que segundo as autoridades ucraínas provocou a morte de polos menos tres persoas, entre estas un neno, e feridas a outras 17. Un ataque que o secretario xeral da ONU, António Guterres, cualificou de "horrendo".

Mais na súa conferencia de prensa, Lavrov rexeitou as acusacións de crime de guerra lanzadas por Ucraína e os países occidentais. O ministro ruso asegurou que o hospital fora ocupada por forzas ucraínas, nomeadamente o batallón neonazi Azov. "O 7 ou 6 de marzo, non lembro exactamente agora mesmo, mais na reunión do Consello de Seguridade da ONU, a nosa delegación presentou feitos de que este hospital materno fora capturado hai moito tempo polo batallón Azov e por outros radicais", sinalou. "Todas as mulleres embarazadas, todas as enfermeiras, en xeral, todo o persoal laboral fora desaloxado de alí", engadiu.

Dimitry Polansky, vicerrepresentante ruso na ONU, advertiu onte de que se trata dunha "fake new" [noticia falsa], xa que o hospital fora transformado "nunha instalación militar" de Ucraína. O vídeo publicado tras os bombardeos desde o interior do hospital mostran mobiliario destruído e cristais rotos e as fotografías difundidas recollen unha embarazada, ferida, baixando unhas escaleiras, e a mesma muller, supostamente minutos despois, sendo desprazada nunha padiola.

Agonía en Mariupol

A situación en Mariupol é agonizante, de acordo coas organizacións internacionais. Os seus arredor de 400.000 habitantes levan varios días sitiados polas forzas militares rusas, e os continuos intentos por conseguir un cesamento do fogo que permita a evacuación dos civís foron infrutuosos.

O alcalde de Mariupol, Serhiy Orlov, en declaracións á BBC, sinalou que están a abrir fosas comúns para soterrar máis de 45 persoas falecidas, por mor das dificultades para acceder aos cemiterios. "Estes son só os corpos que recuperamos das rúas e non todos foron identificados", advertiu.

Por outra banda, Rusia e os EUA cruzaron no día de onte acusacións sobre o posíbel uso de armas químicas. O portavoz do Ministerio de Defensa ruso, Ígor Konashénkov, afirmou que "segundo documentos descubertos" polo Exército ruso, "os EUA planeaban en 2022 investigar en Ucraína patóxenos de aves, morcegos e réptiles" para "estudar a posibilidade de transmitir a peste porcina ou o ántrax".

Os EUA desmentiron as acusacións, "é absurdo, é o tipo de desinformación que vimos repetidamente por parte dos rusos ao longo destes", afirmou a portavoz da Casa Branca, Jen Psaki, quen asegurou que o Goberno estadounidense cumpre "de forma plena" coas súas obrigas no marco da seguridade internacional e acusou Moscova de manter o seu programa de armas biolóxicas.

Porén, na cuarta feira, a subsecretaria de Estado para Asuntos Políticos dos EUA, Victoria J. Nuland, recoñeceu na última sesión do Senado a existencia de "instalacións de investigación biolóxica" situadas en solo ucraíno.

Comentarios