Alerta vermella na rexión de Transnistria

As autoridades dos EUA, Alemaña, Reino Unido, Canadá, Israel e Bulgaria declararon o 'código vermello' por risco de conflito en Transnistria e solicitaron á cidadanía que evite viaxar ou abandone o territorio. Nós Diario achega as chaves do conflito en Transnistria, rexión que se proclamou independente o 2 de setembro de 1990.
O Parlamento do territorio de Transnistria, que declarou a súa independencia en 1900, atópase en Tiráspol. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O Parlamento do territorio de Transnistria, que declarou a súa independencia en 1900, atópase en Tiráspol. (Foto: Nós Diario)

As autoridades dos Estados Unidos de América, Alemaña, Reino Unido, Canadá, Israel e Bulgaria veñen de lanzar avisos á cidadanía dos seus Estados para que non viaxen, ou no seu caso, abandonen o territorio de Transnistria, diante da crecente tensión que se está a vivir no lugar desde que o pasado 25 de abril se rexistraran varias explosións neste territorio. Estes Estados activaron, polo tanto, o código vermello polo risco de conflito en Transnistria.

O Alto Representante da Unión Europea (UE) para Política Exterior e Seguridade Común, Josep Borrell, subliñou na sexta feira que os últimos incidentes rexistrados en Transnistria "son prexudiciais para a seguridade e a estabilidade" de Moldavia. "A UE pide aos actores responsábeis que eviten a desestabilización da situación". "Aplaudimos firmemente as reaccións contidas por parte das autoridades de Moldavia, que axudan a manter a calma", sinalou.

As chaves do conflito

Despois dos ataques contra infraestruturas chave para a Administración transnistria, as autoridades desta rexión alertaron nas seguintes xornadas da chegada de disparos e incursións con drons desde a fronteira ucraína. Pola súa parte, a OTAN deixou entrever posíbeis ataques de falsa bandeira por parte de Rusia. 

O conflito entre Moldavia e Transnistria veuse incrementado despois de que o pasado 3 de marzo as autoridades moldavas formalizasen de maneira oficial a petición para incorporarse á Unión Europea. A rexión de Transnistria, independente de facto e con 28% da poboación de etnia rusa, non ve esta posíbel adhesión con bos ollos, e é favorábel á asociación con Rusia.

Independente desde 1990

Transnistria ocupa unha faixa de 4.163 km² separada do resto de Moldavia polo río Dniéster e fronteiriza ao nordés con Ucraína. A súa poboación é de 550.000 persoas e a súa capital Tiráspol. Segundo datos do Departamento de estatísticas moldavo, a cidadanía deste territorio componse por persoas de etnia moldava (38%), rusa (28%) e ucraína (26%).

Transnistria está separada do resto de Moldavia polo río Dniéster. (Foto: Nós Diario)
Transnistria está separada do resto de Moldavia polo río Dniéster. (Foto: Nós Diario)

En 1989, no proceso de desintegración da Unión Soviética (URSS), o Soviet Supremo da República Soviética de Moldavia adoptou o moldavo como lingua oficial, volvendo ao alfabeto latino e optando en 1990.

Estes feitos levaron a que a poboación da ribeira oriental do río Dniéster, de maioría rusa e ucraína, proclamase o 2 de setembro de 1990 a República Socialista Soviética de Transnistria como entidade independente do resto de Moldavia, pero aínda dentro da URSS. Estabeleceron entón a bandeira do país, cunha fouce e un martelo.

Aínda que as autoridades gobernamentais non se consideran de orientación comunista, conservan esa mesma bandeira a día de hoxe. Antes da incorporación de Moldavia á Unión Soviética, en 1940, o territorio de Transnistria xa se atopaba dentro das fronteiras da  URSS e do Imperio ruso.

O Parlamento moldavo emitiu a súa declaración de independencia o 27 de agosto de 1991. No ano seguinte, o 2 de marzo de 1992, o mesmo día en que entrou a formar parte das Nacións Unidas, Moldavia declarou a guerra contra Transnistria.

A intervención do Exército ruso, que seguía estacionado na zona a pesar da disolución da URSS, en apoio das milicias transnistrias, evitou que as tropas moldavas retomasen o territorio. O 21 de xullo de 1992, após catro meses de hostilidades que deixaron 1.500 vítimas mortais, alcanzouse un alto ao fogo e un acordo de paz.

Desde aquel entón o territorio de Transnistria alcanzou a independencia de facto, unha situación que dura até día de hoxe, tendo un Goberno e unhas institucións públicas propias, así como unhas relacións co Exterior autónomas. Porén, o territorio nunca obtivo o recoñecemento internacional de ningún Estado pertencente á Organización das Nacións Unidas.

Comentarios